A Deputación destina 20.000 euros á Asociación Española Contra o Cancro para poñer en marcha un programa de atención biopsicosocial a pacientes oncolóxicos e familiares
A Deputación destina 20.000 euros á Asociación Española Contra o Cancro para poñer en marcha un programa de atención biopsicosocial a pacientes oncolóxicos e familiares
02/06/2026
A Deputación de Pontevedra destina 20.000 euros á Asociación Española Contra o Cancro para poñer en marcha o programa de atención biopsicosocial a pacientes oncolóxicos e familiares. Estes recursos que o organismo provincial dirixe neste 2026 á asociación incrementáronse en 5.000 € con respecto ao pasado ano.
O programa de atención biopsicosocial a pacientes oncolóxicos trátase dunha intervención complementaria ao tratamento sanitario co obxectivo de abordar as consecuencias non clínicas da enfermidade. Trátase de favorecer os coidados e a atención á persoa con cancro desde unha perspectiva integral, incluíndo atención psicolóxica, social, funcional e, entre outras, de acompañamento. Ao detalle, trátase de promover a autonomía persoal, favorecer a estabilidade sociofamiliar e facilitar a adaptación ás novas necesidades derivadas do proceso oncolóxico.
Ademais, os recursos da Deputación destinados a este programa da Asociación Española Contra o Cancro teñen impacto nas familias dos doentes, xa que a enfermidade non se limita á persoa diagnosticada senón que afecta á súa unidade de convivencia e xera necesidades de apoio emocional, reorganización familiar, adaptación funcional e cobertura de necesidades básicas. E tamén se completa cun apartado de prevención e sensibilización para a detección temperá da enfermidade, co obxectivo de reducir o seu impacto e mellorar a saúde e o benestar da cidadanía.