‘Aquí faltan páxinas’ recupera a historia de Marina Ledo e Begoña Villar, as primeiras policías locais de Vigo que patrullaron xuntas
As protagonistas compartiron lembranzas, anécdotas e dificultades nunha profesión na que daquela a presenza das mulleres era aínda excepcional
17/09/2026
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este mércores unha nova edición do ciclo ‘Aquí faltan páxinas’, protagonizado nesta ocasión por Marina Ledo e Begoña Villar, as primeiras mulleres da Policía Local de Vigo que patrullaron xuntas. A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, acompañou as dúas axentes nun encontro no que recuperaron en primeira persoa unha parte da historia da sociedade viguesa que durante anos quedou fóra do relato máis coñecido.
Marina Ledo incorporouse á Policía Local en 1981 e Begoña Villar fíxoo dous anos despois. En 1985 decidiron formar parella para patrullar pola cidade. Daquela, segundo explicaron, a presenza de mulleres na rúa aínda chamaba a atención e nos seus primeiros anos chegaron a traballar na rúa con saia, tacóns e bolso. Ademais, tal e como relataron, a cidadanía adoitaba a dirixirse aos seus compañeiros homes cando elas estaban de servizo con axentes varóns. “Elas semellaban invisibles”, resumiu Luisa Sánchez.
Durante o encontro, Ledo e Villar repasaron os seus primeiros anos na Policía Local, as dificultades que atoparon, as situacións que tiveron que afrontar e tamén as anécdotas que deixou aquela etapa. Un relato en primeira persoa que permitiu coñecer como viviron o feito de ser as primeiras mulleres en incorporarse a un corpo formado maioritariamente por homes.
A vicepresidenta provincial destacou que a historia de Marina e Begoña está marcada por facer o seu traballo nun momento no que iso supoñía romper unha barreira. Segundo apuntou Luisa Sánchez, “o feito de que hoxe sexa habitual atopar mulleres nos distintos servizos da Policía Local e que unha rapaza poida preparar unha oposición sen preguntarse se esa profesión é para ela tamén ten que ver con mulleres como Marina e Begoña”.
Nese sentido, explicou que ‘Aquí faltan páxinas’ busca precisamente rescatar historias que non adoitan ocupar grandes titulares, pero que axudan a entender como foron cambiando as cousas na sociedade máis próxima. “Ás veces coñecemos perfectamente os grandes nomes que cambiaron a historia de súpeto, pero non tanto ás persoas que fixeron que a nosa historia cambiase pouco a pouco”, sinalou.
