A Deputación recomenda manter a máxima vixilancia nas viñas malia o excelente estado sanitario xeral da campaña

O persoal técnico do Areeiro destaca que o albariño aínda non iniciou o pintado e lembra que as condicións de humidade desta semana poden favorecer a aparición de novos síntomas de mildio e oídio

19/07/2026

A Deputación recomenda manter a máxima vixilancia nas viñas malia o excelente estado sanitario xeral da campaña

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, recomenda manter unha vixilancia constante dos viñedos, especialmente sobre os acios, ante unhas condicións meteorolóxicas que continúan sendo favorables para o desenvolvemento dos principais fungos da vide, malia o excelente estado sanitario que presentan, en termos xerais, as parcelas da provincia. Segundo as observacións realizadas polo persoal técnico ao longo desta semana, apenas se produciron cambios na fenoloxía da vide respecto aos días anteriores.

O albariño continúa sen iniciar o pintado, aínda que nalgunhas cepas das comarcas do Rosal e do Condado xa se aprecian, de forma moi puntual, os primeiros indicios do cambio de cor dos grans. Nas variedades tintas e rosadas máis temperás este proceso continúa avanzando lentamente. De manterse a evolución habitual do cultivo, a vendima non comezaría antes da última semana de agosto e, previsiblemente, estenderíase xa á primeira semana de setembro, aínda que esta previsión dependerá da evolución da climatoloxía e do estado sanitario das viñas.

No relativo ao mildio, a Deputación destaca que, a pesar da elevada humidade rexistrada durante os últimos días e das condicións favorables para o desenvolvemento do fungo, as revisións efectuadas esta semana constatan un magnífico estado sanitario das viñas, independentemente da variedade ou do estado de desenvolvemento dos acios. Os captadores da Estación Fitopatolóxica rexistraron valores moi elevados durante a fin de semana, o que confirma que o patóxeno permanece activo. Con todo, os síntomas continúan limitados ás plantas testemuña sen tratamento e a unha parcela concreta na que unha intervención deficiente realizada ao inicio da campaña permitiu a reactivación do mildio larvado.

O persoal técnico lembra que mentres o pintado non se inicie os acios continúan sendo sensibles á enfermidade, polo que recomenda manter unha vixilancia permanente para detectar con rapidez a aparición de novos síntomas e actuar unicamente cando resulte necesario. Ademais, incídese na importancia de continuar coas labores de manexo da vexetación. O intenso crecemento das cepas e da vexetación acompañante fai imprescindible favorecer a ventilación dos acios e reducir a humidade no interior das viñas, creando un ambiente menos favorable para o desenvolvemento dos patóxenos.

No caso do oídio, durante esta semana só se detectaron síntomas moi leves nun acio dunha viña do Salnés situada nunha zona especialmente sombría e pouco ventilada, ademais das plantas sen tratar da parcela experimental do Areeiro. No resto das parcelas revisadas non se observaron síntomas, mais a Deputación recomenda manter a vixilancia e continuar coas esfollas naquelas viñas con exceso de vexetación, xa que os acios seguen sendo susceptibles ao ataque deste fungo mentres non comece o pintado.

En canto á botrite, esta semana detectouse por primeira vez un gran afectado polo fungo tras a penetración dunha eiruga de Lobesia botrana. Ademais, observáronse os primeiros rachos fisiolóxicos nos grans en diferentes variedades e comarcas, unha circunstancia que pode favorecer a aparición desta enfermidade, polo que tamén será necesario seguir a súa evolución.

Por outra banda, a Deputación lembra que continúan os tratamentos obrigatorios contra Scaphoideus titanus, insecto vector da flavescencia dourada, nas zonas demarcadas, así como os recomendados nas limítrofes. O persoal técnico explica que as intervencións realizadas están permitindo manter controladas as poboacións do insecto nas parcelas de seguimento, pero insiste na importancia de respectar a pauta de tratamentos establecida e de eliminar aquelas cepas que presenten varios síntomas compatibles coa enfermidade, unha medida preventiva fundamental ao tratarse dunha enfermidade de corentena sen cura.

Tamén esta semana se observou un incremento dos síntomas de acariose e erinose en diferentes parcelas da provincia. Ademais, continúan aumentando os danos derivados dos golpes de sol nos acios excesivamente expostos, do estrés hídrico en cepas máis débiles e das enfermidades da madeira, que xa provocaron a morte dalgunhas plantas. Como novidade desta semana, o persoal técnico constatou tamén os primeiros danos provocados por aves e avespas en acios de distintas variedades, especialmente na comarca do Rosal.

Froiteiras, buxo e nogueiras

Nas froiteiras continúan sendo frecuentes os danos ocasionados por insectos, aves e fungos de podremia nos froitos en maduración. A Deputación lembra a importancia de retirar e destruír tanto os froitos afectados como os caídos ao chan para reducir a propagación destas enfermidades. No buxo, a incidencia da bolboreta Cydalima perspectalis mantense estable e sen danos de consideración nas plantas controladas pola Estación Fitopatolóxica, aínda que se recomenda continuar coa vixilancia.

Finalmente, nas nogueiras comezou o voo da mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa), polo que o persoal técnico aconsella instalar trampas e retirar os froitos caídos para reducir a expansión desta praga e minimizar os danos sobre a colleita.