A Deputación constata o bo momento das viñas da provincia, sen síntomas preocupantes das principais enfermidades e fungos que as afectan
O persoal técnico do Areeiro sinala que as previsións meteorolóxicas para os próximos días non son favorables para o mildio, o oídio, a botrite ou o black rot, polo que simplemente recomendan manter a vixilancia
07/06/2026
A Deputación de Pontevedra destaca que a situación respecto ao mildio sigue sendo, en xeral, moi favorable. A campaña non está a amosar agresividade no patóxeno, e esta semana non se atoparon novos síntomas en acios, con control total da frutificación nos que foron anteriormente atacados (estando algún deles xa totalmente seco) e só manchas abundantes e danos significativos en plantas abandonadas. As predicións meteorolóxicas para os próximos días indican un risco baixo, polo que o persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda simplemente manter a vixilancia nos viñedos, especialmente nos que vaian quedando fóra da protección teórica dos funxicidas. Os técnicos tamén sinalan que a aparición de manchas novas illadas non deben importar en exceso a curto prazo, sobre todo se hai ventos secos e se os síntomas se detectan en partes altas con elevada densidade de vexetación.
En canto ao oídio, o persoal do Areeiro destaca a ausencia de síntomas, pero sinalan que cómpre aumentarse a vixilancia e procurar reducir a frondosidade das viñas máis vigorosas para facilitar a aireación e reducir a humidade relativa a nivel dos acios. Tampouco se espera a aparición de novos síntomas de botrite, debido ao tempo seco con ventos do nordés e as temperaturas elevadas que acompañarán estes días. Ademais, a aplicación de produtos está a controlar a situación do black rot, pero é recomendable manter a vixilancia en viñas con historial de danos por este fungo, mesmo tamén se a meteoroloxía non é favorable á súa evolución, xa que poden xerarse problemas futuros de infeccións mal controladas.
Esta semana non se capturaron adultos de avelaíñas do acio, e malia o aumento de ninfas do vector da flavescencia dourada aínda non é necesario comezar os tratamentos preceptivos, senón arrincar as plantas enfermas infectadas que aínda non foran eliminadas. Tamén é necesario eliminar as vides abandonadas, que poden albergar o patóxeno aínda sen presentar síntomas. En canto a outras incidencias, observáronse brotes de erinose e enfermidades da madeira nas comarcas do sur da provincia e é probable que aparezan máis nos próximos días por mor da suba de temperaturas.
En canto á maceira, segue a haber capturas de Cydia pomonella por riba do limiar de tratamento. Para castiñeiros, o persoal técnico de Areeiro recomenda instalar trampas nos soutos ou plantacións para comprobar o estado das poboacións do tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana). E, en canto á bolboreta do buxo, non houbo captura de machos e todas as sebes observadas tiñan bo aspecto, sen signos da alimentación.
