A Deputación convoca o novo Plan ProDeporte, que distribuirá 1,8 millóns de euros entre os clubs deportivos para investimentos e adquisición de equipamento

O prazo para a solicitude das axudas comeza este venres 31 de xullo e permanecerá aberto ata o 30 de setembro

30/07/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a primeira edición do novo Plan ProDeporte, unha nova proposta da institución provincial que destinará 1,8 millóns de euros entre os clubs deportivos da provincia co obxectivo de que afronten investimentos e a adquisición de equipamento. As entidades poderán recibir entre un mínimo de 5.000 e un máximo de 15.000 € para a execución de obras, e entre 1.000 e 5.000 € para a adquisición de equipamento. Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o prazo de solicitude abrirá este venres 31 de xullo e permanecerá operativo ata o 30 de setembro.

Dentro da liña de execución de obras poderanse financiar gastos derivados de investimentos en inmobles ou terreos da súa propiedade (ou con dereito de uso, como mínimo, durante cinco anos) para obras de mellora ou de nova construción de infraestruturas ou instalacións, equipamentos e espazos. Tamén poderán sufragar o pagamento de taxas para a obtención das preceptivas autorizacións, licenzas e os gastos notariais e rexistrais, así como os gastos derivados da adquisición de equipamento deportivo.

Na liña de adquisición de equipamentos, a través de ProDeporte poderán financiar bens cun valor a partir de 500 euros, deportivos ou non deportivos, sempre que sexan inventariables, estean relacionados coa práctica do deporte (no primeiro caso) ou sexan necesarios para o funcionamento e desenvolvemento das actividades da entidade (no caso do equipamento non deportivo).

A Deputación de Pontevedra convoca estas axudas considerando a práctica do deporte como un vehículo para a promoción de valores como a participación, a cooperación, a competitividade ou a inclusividade, e co obxectivo de fomentar na cidadanía hábitos de vida saudable. As axudas do Plan ProDeporte están destinadas a mellorar as infraestruturas e os medios materiais dos clubs deportivos da provincia, coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento da súa actividade e á consecución dos seus obxectivos. O apoio aos clubs contribúe a consolidar a práctica deportiva na provincia, garantindo a continuidade da súa actividade e a organización de programas e competicións ao longo da temporada.

Ligazóns de interese