A Deputación ultima os días para solicitar as axudas do Plan +Xuventude, dotado con 120.000 € para que a mocidade da provincia poida poñer en marcha iniciativas de interese social

O prazo de solicitude remata o 13 de marzo e as entidades beneficiarias poderán recibir ata 5.000 euros para iniciar proxectos que favorezan o desenvolvemento persoal e comunitario, contribúan á formación en valores e á consecución de hábitos saudables

05/03/2026

A Deputación de Pontevedra ultima os días para solicitar as axudas da terceira convocatoria do Plan +Xuventude, ao que destina 120.000 euros para que a mocidade da provincia poida poñer en marcha iniciativas de interese social. As entidades xuvenís poderán recibir ata un máximo de 5.000 euros para iniciar proxectos que favorezan o desenvolvemento persoal e comunitario, contribúan á formación en valores e á consecución de hábitos saudables.

As axudas do Plan +Xuventude, que o pasado ano beneficiaron a 22 entidades entre as que se distribuíron máis de 100.000 euros, están destinadas a asociacións xuvenís e grupos dirixidos á xuventude e sen ánimo de lucro, formados por entre tres e oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos que propoñan a realización dun proxecto de interese social. As propostas deben estar relacionadas coa saúde, o benestar e a prevención de riscos; coa cultura, a ciencia e a innovación, coa participación xuvenil, o asociacionismo e o voluntariado; co desenvolvemento rural e o reto demográfico; e coa protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

O prazo de presentación de solicitudes para optar aos recursos deste Plan permanecerá aberto ata o próximo venres 13 de marzo e cos recursos provinciais subvencionaranse diferentes gastos asociados aos proxectos, que poden consultarse en máis detalle nas bases publicadas no BOPPO.