A Deputación organiza este mércores no Castelo de Soutomaior unha actividade para observar a eclipse na compañía dos viños da D.O. Rías Baixas

A actividade forma parte de Cata con Historia, un programa que achega a historia do castelo e os viños da Denominación de Orixe a cargo do somelier Jacobo Rivas

10/08/2026

A Deputación organiza este mércores no Castelo de Soutomaior unha actividade para observar a eclipse na compañía dos viños da D.O. Rías Baixas

Un grupo de 15 persoas participará este mércores 12 de agosto no Castelo de Soutomaior nunha nova actividade do programa Cata con Historia, promovido pola Deputación de Pontevedra para achegarse á historia do castelo e aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. A actividade estará centrada no fenómeno da eclipse que se vivirá durante esta xornada, e que terá o seu momento álxido arredor das 20:30 horas, e estará a cargo do sommelier Jacobo Rivas, encargado da selección completa dos viños de cada unha das citas. As prazas para esta e a totalidade das tres quendas organizadas este ano en Cata con Historia, nas que participarán un total de 45 persoas, esgotáronse en tan só trinta minutos desde a apertura das inscricións o pasado venres 31 de xullo.

A actividade deste mércores, “A eclipse no viñedo”, combina a cata coa observación da eclipse solar. A sesión avanza “de luz a sombra”, dos viños máis novos e luminosos aos de maior crianza, mentres todas as persoas asistentes contarán con material homologado para seguir a eclipse, da que haberá unha breve explicación. A cata contará con maridaxe de produto local de tempada.

Finalmente, o 20 de agosto, terá lugar “O reto do sommelier”, unha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, guiada con pistas de Jacobo Rivas e combinada con produto local de tempada. Trátase dun formato lúdico e participativo e dunha cita co viño, coa memoria e a paisaxe. As actividades deste ano estreáronse o pasado xoves con “Rías Baixas de norte a sur”, unha cata horizontal que percorreu as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior) para amosar como o chan e a proximidade ao mar transforman o albariño e outras variedades autóctonas.

Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que se estenden en catro hectáreas (o recinto ten unha extensión de 23), foron plantados en 1984. A uva é autóctona, na súa maioría albariña, con presenza doutras variedades brancas como o godello, torrontés, loureiro e treixadura, e mesmo tintas, como o mencía e o sousón.