Rafa Domínguez confirma que a Deputación destinará 160.000 euros para financiar o 50% da reforma do céspede de Pasarón

“Trátase do que hoxe estima o club que custaría a metade da reforma, pero se finalmente a contía fose superior, desde a institución provincial comprometémonos a abonar a metade do importe total da actuación” asegurou o vicepresidente

15/07/2026

Rafa Domínguez confirma que a Deputación destinará 160.000 euros para financiar o 50% da reforma do céspede de Pasarón

Rafa Domínguez acaba de confirmar en conferencia de prensa que a Deputación de Pontevedra destinará 160.000 euros para financiar o 50% da reforma do céspede de Pasarón. “Trátase do que hoxe estima o club que custaría a metade da reforma, pero se finalmente a contía fose superior, desde a institución provincial comprometémonos a abonar a metade do importe total da actuación”, remarcou o vicepresidente da Deputación.

Domínguez entende que, “ao tratarse dunha instalación municipal, o outro 50% será asumido polo Concello de Pontevedra, que é o responsable do mantemento, da conservación e da mellora de Pasarón” e reiterou que a Deputación de Pontevedra “é a administración pública que máis apoio presta ao Pontevedra CF, cun convenio anual de 160.000 euros ademais destes outros 160.000 que imos dirixir agora a reformar o céspede do campo”. Neste eido, o vicepresidente subliñou que “non é aceptable, por imaxe do club e da cidade, o estado do céspede de Pasarón; un club e unha cidade que queren ascender ao fútbol de elite non pode ter un céspede de rexional. Por iso, nos últimos meses, estivemos en comunicación permanente co Pontevedra CF, para coñecer de primeira man as súas necesidades e ver a mellor fórmula para poder axudar no problema de céspede que ten”.

Estes 160.000 euros para o céspede de Pasarón que acaba de anunciar Rafa Domínguez serán aprobados no próximo pleno da Deputación e son alleos ao convenio anual que ten a Deputación e o Concello de Pontevedra, que ascende aos 2,5 millóns de euros. Neste eido, Domínguez adiantou que será preciso asinar un novo convenio para poder adxudicar esta cantidade económica e recordou que esta achega se suma a outras extraordinarias que a institución provincial dirixiu ao Concello de Pontevedra como os 300.000 € para os Premios Feroz, os 100.000 € para o tríatlon ou as obras de Mollabao e Tomeza, que tamén están fóra do convenio. “Cando hai algo que é de interese para a cidade, a Deputación está aí, colaborando e participando”, remarcou Domínguez.

Pantalla para a final do Campionato do Mundo de fútbol

Tamén aproveitou o vicepresidente para anunciar que a Deputación de Pontevedra instalará unha gran pantalla para seguir a final do Campionato do Mundo de fútbol que xogará o vindeiro domingo 19 de xullo a selección española. Neste eido, Domínguez subliñou que “tivemos que cambiar a instalación da pantalla para seguir o partido da semifinal entre España e Francia para a zona da Alameda por cuestións de seguridade, xa que ao haber un aforo indeterminado a explanada de Montero Ríos podería colapsar”. Por iso, de cara á final, o vicepresidente asegurou que “estamos estudando co Concello de Pontevedra, nun clima respectuoso e de total colaboración, o mellor lugar para instalar a pantalla para seguir a final con todas as garantías de seguridade”.

Galerias de imaxes

audios