Luisa Sánchez anuncia que o pleno provincial aprobará este mes o convenio entre a Deputación e a Xunta para cofinanciar as obras de recuperación do Teatro Cine Fraga

A institución provincial achegará o 49% do importe necesario para sufragar a redacción do proxecto, os traballos de reforma, o servizo de dirección de obra e a coordinación de seguridade de saúde

19/11/2025

Luisa Sánchez

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este mércores a “inminente” aprobación do convenio que asinarán a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para cofinanciar as obras de recuperación do Teatro Cine Fraga. O pleno provincial dará o seu visto e prace a este acordo na súa sesión ordinaria do mes de novembro, que se celebrará o venres día 28.

Concretamente, a corporación outorgará luz verde ao compromiso que adquirirán as dúas administracións públicas para sufragar tres conceptos: as actuacións derivadas da redacción do proxecto adxudicado a César Portela por 1.004.345 euros, o custo das obras por un orzamento máximo de licitación de 19.438.650 euros e os servizos de dirección de obra e de coordinación de seguridade e saúde cun orzamento máximo de licitación de 382.154 euros. Así, a cifra total ascenderá a 20.835.149 euros. A Deputación de Pontevedra achegará o 49% do importe, mentres que a Xunta asumirá o 51% restante.

Luisa Sánchez informou deste avance tras saudar ás persoas asistentes a unha das visitas guiadas polo interior do Teatro Cine Fraga, que están a ser un “éxito”. Ata tal punto que foi preciso habilitar unha segunda xornada de portas abertas á semana. “A alta demanda para entrar novamente neste emblemático inmoble remarca que foi un acerto envorcarse na recuperación deste edificio incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. E con este novo paso garantimos o financiamento preciso para devolverlle todo o seu esplendor e poñelo a disposición da cidade”, valorou a vicepresidenta provincial.

Entre as persoas que participaron este mércores nas visitas guiadas atopábase Ernesto Romero, quen fora porteiro do Fraga nos anos 80. Rexente dun cine hoxe en día en Leiro, puido viaxar 40 anos ao pasado para rememorar co resto do público as súas vivencias na que foi a sala máis popular de Vigo.

En paralelo á aprobación que levará a cabo a Deputación de Pontevedra, a Xunta fará o propio seguindo o seu calendario. Unha vez cumpridos estes trámites, ambas institucións asinarán o documento dixital e publicamente para darlle difusión e publicidade. “Este convenio tamén pon en evidencia a importancia da colaboración institucional. Só con cooperación é posible afrontar proxectos desta envergadura. Cando as administracións colaboran, a cidadanía gaña”, concluíu.

Actualmente, o proxecto de recuperación está en fase de elaboración. A previsión é que sexa entregado a próxima primavera para recibir o visto e prace correspondente o antes posible. Con esta actuación, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia dotarán a Vigo dun centro de desenvolvemento cultural pioneiro tanto en Galicia coma no noroeste de España, dando cumprimento ao servizo público da cultura en sentido amplo.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.