A Deputación aproba a concesión das axudas do Plan +Xuventude, que beneficiarán a preto de 30 colectivos da provincia para poñer en marcha iniciativas sociais
Luis López deu conta do reparto das achegas, próximas aos 120.000 euros, cos que entidades de 17 concellos porán en marcha programas deportivos ou culturais
08/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación das axudas da terceira convocatoria do Plan +Xuventude, que beneficiarán a un total de 27 colectivos de 17 concellos da provincia para poñer en marcha iniciativas de interese social. Trátase dun incremento do 23% respecto aos 22 colectivos que recibiron achegas na anterior convocatoria, e dun 15% de recursos fronte aos 100.000 euros aprobados nesta. O presidente sinalou que “a xuventude é un dos asuntos que máis nos preocupan” e, grazas a estes recursos, impulsarán “charlas sobre economía, actividades culturais e deportivas, un campamento xuvenil, e moitas outras actividades nas que tamén salienta o apego polo territorio e polo rural da provincia”.
Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, 13.000 € irán parar a colectivos de Agolada, Silleda e Forcarei. Na comarca do Salnés, reciben máis de 18.000 € colectivos de Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Na comarca de Pontevedra, benefícianse de preto de 47.000 € colectivos de Barro e Pontevedra. Na cidade de Vigo recibirán 25.000 € cinco colectivos, e nas comarcas do sur da provincia recibirán máis de 77.000 € colectivos da Guarda, Nigrán, Ponteareas, Redondela, O Rosal, Salvaterra de Miño e Tui.
O presidente Luis López asegurou que “continuamos traballando a prol da xuventude da provincia, cunha aposta decidida por permitirlles ás mozas e mozos desta provincia que teñan en Pontevedra unha provincia próspera onde desenvolver os seus proxectos de vida”. O presidente da Deputación asegurou que se trata dun paso “necesario para poder facerlle fronte ao reto demográfico que atravesa esta provincia”.
As axudas do Plan +Xuventude están destinadas a asociacións xuvenís e grupos dirixidos á xuventude e sen ánimo de lucro, formados por entre tres e oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos que propoñan a realización dun proxecto de interese social. As propostas deben estar relacionadas coa saúde, o benestar e a prevención de riscos; coa cultura, a ciencia e a innovación, coa participación xuvenil, o asociacionismo e o voluntariado; co desenvolvemento rural e o reto demográfico; e coa protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As entidades xuvenís poden recibir ata un máximo de 5.000 euros para iniciar proxectos que favorezan o desenvolvemento persoal e comunitario, contribúan á formación en valores e á consecución de hábitos saudables.
