A Deputación pechará ao tráfico durante tres días a estrada provincial do Viso-Hío en Cangas do Morrazo por mor das obras de reparación do firme
A partir deste mércores 11 habilitarase un desvío alternativo pola rúa David Cal, na EP-1004, replicando o mesmo sistema das obras levadas a cabo en 2022
10/03/2026
A Deputación de Pontevedra informa de que, por mor das obras que se están a acometer na estrada provincial que une os núcleos do Viso e O Hío (EP-1005), en Cangas do Morrazo, a vía permanecerá cortada ao tráfico durante tres días. Durante as xornadas do mércores 11, do xoves 12 e do venres 13 de marzo, non se permitirá o paso de vehículos no treito afectado, que abrangue a totalidade da vía.
Mentres duren as obras habilitarase un desvío pola rúa David Cal, na tamén provincial EP-1004 Vilariño-O Hío, que estará debidamente sinalizado para facilitar a circulación. Debido ao seu funcionamento e aceptación, replícase o mesmo itinerario alternativo que nas obras levadas a cabo no ano 2022 nesta vía para dotala dunha senda peonil e zonas de convivencia, ademais de sistemas de redución da velocidade e a renovación da rede de iluminación.
As obras acometidas pola Deputación, que serán efectuadas estes días pola ausencia de choivas nas previsións meteorolóxicas, permitirán reparar o firme en toda a estrada provincial (localizada na Rúa do Igrexario, desde a intersección coa PO-315 ata a intersección coa EP-1004 Vilariño-O Hío e coa EP-1008 O Hío-Vilanova) co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade no seu quilómetro de lonxitude. Desde a administración provincial solicítase aos condutores precaución e respecto pola sinalización provisional instalada na zona.