A Deputación constata que a provincia continúa a experimentar un crecemento no número de turistas estranxeiros, cun 4% máis que no 2025
En febreiro, os visitantes internacionais foron o 22% dos que acudiron á provincia, fronte ao 78% de turistas españoles
23/03/2026
A Deputación constata que a provincia de Pontevedra continúa a experimentar un crecemento no número de turistas estranxeiros, un 4% máis que o rexistrado en febreiro do 2025. Os visitantes internacionais representan xa o 22% dos turistas que se achegan á provincia, fronte ao 78% de persoas que percorren o destino procedentes de diferentes puntos da xeografía española.
Así como os datos reflicten un incremento en canto ao número de visitantes estranxeiros, o Observatorio de Turismo da provincia tamén detecta un crecemento no grao de ocupación hoteleira en febreiro deste ano con respecto ao 2025, malia a climatoloxía adversa rexistrada durante o pasado mes. Ademais, en febreiro de 2026 a provincia de Pontevedra recibiu ao 26% dos visitantes que acudiron a Galicia.
No que respecta ao mes de marzo, e a falta de pechar o rexistro mensual, chegaron á oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, 600 persoas das que o 38% proceden do estranxeiro, principalmente de Bélxica, Alemaña, Francia e Estados Unidos. No que respecta ao 62% dos turistas españoles, proveñen de Madrid e Asturias. En todos os casos, a motivación maioritaria para asistir á provincia foi a súa oferta cultural e de ocio, así como as diferentes rutas cara Compostela que atravesan Pontevedra.
Neste mes de marzo percorreron algún dos Camiños de Santiago pola provincia 3.352 persoas peregrinas, o que supón un 5% máis que as que o fixeron en marzo do 2025. Delas, a maioría percorreu o Camiño Portugués (1.766), seguido do Camiño Portugués pola Costa (1.425), a Vía da Prata (85) e o Camiño de Inverno (50). O 75% dos peregrinos son estranxeiros, procedentes de Alemaña, Estados Unidos e Italia, e o 25% españoles, principalmente de Andalucía e Valencia.