A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas dotadas con 100.000 € para editar obras de difusión cultural en galego

As axudas, destinadas a entidades sen ánimo de lucro e para as que se abre un prazo dun mes, financiarán publicacións de interese cultural impresas, audiovisuais e en formato mixto con ata un máximo de 8.000 euros

03/02/2026

A Deputación acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases dunha nova convocatoria das axudas para a edición de traballos de interese cultural en lingua galega. A liña está dotada de 100.000 euros e a partir deste mércores 4 de febreiro abre o prazo dun mes para solicitar estas achegas, que estarán abertas a entidades sen ánimo de lucro da provincia para editar traballos en formato papel, audiovisual ou mixto de interese para a cultura galega e para o enriquecemento do patrimonio bibliográfico provincial.

O importe máximo que se concederá a cada entidade non poderá superar o 70% do orzamento total do proxecto e, en calquera caso, as seguintes cantidades: 3.500 € para as edicións en papel, 6.000 € para edicións en formato audiovisual, e ata 8.000 € para as edicións en formato mixto (que inclúan edicións tanto en papel como en audiovisual). As obras deberán estar escritas en galego normativo e en linguaxe non sexista, ter relación coa provincia de Pontevedra (de interese provincial, comarcal ou local, relacionados co seu patrimonio material, inmaterial ou artístico ou non persoas ou colectivos relevantes do territorio) e ser inéditas, entre outros requisitos.

As achegas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e valorarase aspectos como a calidade técnica da proposta, a súa achega ao desenvolvemento, á normalización e promoción da lingua galega, a súa achega ao fomento do patrimonio galego, e a súa promoción da recuperación da memoria histórica, da igualdade de xénero, da diversidade funcional e da conservación do medio.

A Deputación de Pontevedra leva desde 1940 asumindo a produción propia de publicacións e, desde 1986, edita traballos que abordan temas relacionados coa provincia a través do seu Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. Estas axudas buscan fomentar a edición de publicacións de interese social e cultural para a provincia que redunden en beneficio das persoas lectoras, en particular, e do conxunto da sociedade, en xeral, así como financiar os custos que a súa edición implica.

Ligazóns de interese