A Deputación leva este sábado o ciclo +Escénicas a Fornelos de Montes co espectáculo Limpa Limpa
A compañía Expresión Producións será a encargada de representar esta peza a partir das 18:00 horas no Auditorio do Centro Multiúsos da vila
14/01/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 17 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao Concello de Fornelos de Montes da man dun espectáculo a cargo da compañía Expresión Producións. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Limpa limpa” representarase ás 18:00 horas no Auditorio do Centro Multiúsos da vila e propón un espectáculo de teatro para gozar en familia no que destaca o seu gran dinamismo, xestualidade e bo humor. A función transforma o mundo laboral nun universo único de xogo, comedia, diversión e creatividade. O público de Fornelos de Montes integrarase no espectáculo saíndo renovado e eufórico, e con el desfrutarán tanto crianzas como maiores.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
