Luisa Sánchez anuncia o primeiro cabeza de cartel do Galicia Fest 2026: La Reina del Flow actuará en Vigo o 26 de xuño dentro da súa nova xira internacional
As entradas para o venres e os abonos sairán á venda ás 12.00 horas deste martes, 10 de febreiro
09/02/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este luns o primeiro cabeza de cartel da segunda edición do Galicia Fest, que se celebrará os días 26 e 27 de xuño e conta co patrocinio da institución provincial e da Xunta de Galicia. Trátase de La Reina del Flow, o fenómeno musical e televisivo latinoamericano que está a arrasar en Netflix e que o ano pasado encheu o Movistar Arena de Madrid.
En compaña da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do director do festival, Antonio Casal, Luisa Sánchez avanzou a actuación no porto de Vigo terá lugar o venres 26 de xuño e contará cun elenco encabezado por Carlos Torres, Jay Torres, María José Vargas, Charly Flow, Juan Palau ou Cris Vega. Xuntos interpretarán en directo temas que se teñen convertido en auténticos himnos para os seus fans, como ‘Amor Imposible’, ‘Reflejo’ ou ‘Perdóname’.
O concerto de Vigo forma parte da xira internacional de La Reina del Flow, que recalará en 16 países do mundo. O anuncio coincide coa estrea de vinte novos episodios da terceira tempada da serie, gañadora dun premio Emmy. “Imos gozar dun espectáculo que, sen dúbida, vai entusiasmar ao público da nosa cidade. Unha actuación pensada para a xente nova, e non tan nova, de Vigo”, apuntou Luisa Sánchez.
A vicepresidenta provincial adiantou igualmente que o resto do cartel do Galicia Fest 2026 será desvelado en datas próximas e contará con grupos e artistas “para todos os gustos”.
Tanto as entradas para o venres 26 como os abonos para asistir a todo o festival sairán á venda ás 12.00 horas deste martes, 10 de febreiro, con importes iniciais de 25 e 40 euros, respectivamente. O aforo do recinto ronda as 6.500 persoas.
“Para a Deputación de Pontevedra é un pracer volver a impulsar a conexión entre o porto e a cidade cunha oferta musical e de ocio dinámica. Estou convencida de que serán dous días de celebración que, como o ano pasado, encherán o Peirao de Transatlánticos de música e bo ambiente”, afirmou.
Luisa Sánchez salientou que o Galicia Fest se verá complementado este ano cun dobre concerto de Leiva no porto vigués. O músico madrileño ofrecerá dúas actuacións adicionais ao festival á semana seguinte, os días 3 e 4 de xullo. A resposta do público foi “contundente”, xa que as entradas se esgotaron con meses de antelación.
Compromiso da Xunta coa oferta musical e cultural
Pola súa banda, Ana Ortiz animou a toda a cidade a gozar deste evento que se celebrará na primeira fin de semana do verán e que xurde do “absoluto compromiso” da Xunta por mellorar a oferta musical e cultural de Vigo con eventos coma o Galicia Fest, o Underfest, o Festival MusicaV, o One Dance Festival ou Vigo Porté. Nesta liña, avanzou que o Goberno autonómico ten preparada “outra grande sorpresa” para a cidade, que se anunciará proximamente.
A delegada territorial agradeceu, ademais, a “implicación” de Luisa Sánchez para impulsar o Galicia Fest, patrocinado conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Así, salientou a “disposición” da vicepresidenta para “colaborar sempre e remar xuntos a favor de Vigo”.
Igualmente, agradeceu as facilidades ofrecidas “en todo momento” polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, para acoller este festival no Peirao de Transatlánticos e gabou o labor desenvolvido por Antonio Casal e o seu equipo. “Quero salientar a actitude positiva amosada desde que nos sentamos hai xa máis dun año, para facer realidade aquela primeira edición do Galicia Fest e por seguir traballando para mellorala este próximo verán”, sinalou.
Por último parte, Antonio Casal, valorou a “aposta” da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia por un evento que “foi un éxito rotundo na súa primeira edición” e que neste 2026 “quere consolidarse con talento local, nacional e, como xa vemos, internacional”.
