A Deputación ultima o prazo para que concellos e entidades soliciten as axudas provinciais para o fomento da igualdade, dotadas neste 2026 con medio millón de euros

As axudas para os concellos de menos de 20.000 habitantes contan cun orzamento de 260.000 € e van dirixidas a mellorar a atención integral ás vítimas da violencia machista, así como para axudar a mulleres vulnerables e impulsar a súa formación e orientación

14/02/2026

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo xoves 19 de febreiro o prazo para que tanto os concellos de menos de 20.000 habitantes como as entidades de iniciativa social da provincia soliciten as axudas provinciais para o fomento da igualdade, que contan este ano cun orzamento conxunto de medio millón de euros. Dúas liñas de axudas que avalan o compromiso do goberno de Luis López coa igualdade e coa loita contra a violencia machista.

Con ata 260.000 € para os concellos, os gobernos locais poderán impulsar iniciativas coas que mellorar a atención integral que prestan ás mulleres vítimas da violencia machista e ás súas fillas e fillos, así como axudar ás mulleres vulnerables e impulsar a súa formación e orientación. O reparto realizarase por concorrencia competitiva e o máximo que poderá recibir cada concello serán 6.000 euros.

En canto á liña dedicada ás entidades sociais sen fins de lucro contan cun orzamento de 240.000 €, un incremento de 40.000 € respecto aos 200.000 previstos inicialmente. Con estes recursos da Deputación, as entidades poderán poñer en marcha programas de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero, así como iniciativas para atender ás súas vítimas ou programas dirixidos a mulleres vulnerables ou con dificultades e actividades para o fomento da igualdade. Neste caso, o máximo que poderá recibir cada entidade ascende a 7.000 euros.

Ligazóns de interese