A Deputación de Pontevedra dá a coñecer en Vigo os programas +Convivencia e Provincia Activa para impulsar a participación, a formación e o envellecemento activo

Preto de 80 de representantes de asociacións da cidade e a súa área metropolitana mantiveron un encontro informativo coa vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, e a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, na sede do casco vello vigués

11/02/2026

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer este mércores en Vigo a nova convocatoria dos programas de benestar social +Convivencia e Provincia Activa a preto de 80 representantes de asociacións e colectivos da cidade e a súa área metropolitana.

Durante un encontro informativo celebrado na sede que a institución provincial posúe no casco vello vigués, a vicepresidenta, Luisa Sánchez, e a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, presentaron as dúas principais iniciativas no ámbito da participación cidadá, a formación e o envellecemento activo.

A reunión foi inaugurada por Luisa Sánchez, quen salientou o papel fundamental do tecido asociativo vigués e animou ás entidades da cidade e da súa área metropolitana a liderar a participación en ambas convocatorias. “Son dous programas distintos pero cun mesmo obxectivo: apoiar ás entidades, chegar a todos os recunchos da provincia e ofrecer oportunidades reais de participación”, engadiu.

A continuación, Paula Bouzós foi a encargada de explicar con detalle os requisitos, os prazos e as novidades dos programas para 2026, agradecendo previamente a “implicación” do tecido asociativo neste proxectos, as súas propostas e “por facer que os nosos programas teñan unha acollida gran grande”.

O programa +Convivencia destinou 99.270 euros a diferentes entidades de Vigo e a súa área metropolitana en 2025, que propiciaron a participación de 5.829 persoas. Mentres, quince colectivos da cidade olívica víronse beneficiados polo programa Provincia Activa durante o ano pasado.

+Convivencia: actividades para descubrir a provincia

+Convivencia conta este ano cun orzamento de 300.000 euros e permitirá financiar ata 250 actividades organizadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia. Está dirixido a entidades sociais, culturais, veciñais, de maiores, de mulleres, ANPA e outras organizacións que desenvolvan iniciativas de carácter social. As actividades deberán realizarse entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2026 e o prazo para presentar as solicitudes será dun mes a contar desde este xoves, 12 de febreiro.

Entre as propostas que se poden acoller ao programa figuran rutas culturais e de natureza, visitas a espazos patrimoniais e museos, actividades vinculadas ao Camiño de Santiago, festas de interese turístico ou gastronómico, así como percorridos por parques naturais, illas ou espazos protexidos. Cada actividade deberá contar con polo menos 30 persoas participantes -vinte no caso de grupos con persoas con mobilidade reducida- e poderá ser organizada pola propia entidade ou a través dunha axencia de viaxes.

A Deputación financiará gastos como transporte, entradas, guías oficiais, seguros ou restauración, dentro dos límites establecidos nas bases.

Provincia Activa: formación e benestar para maiores

Pola súa banda, o programa Provincia Activa está orientado a fomentar o envellecemento activo e a autonomía persoal mediante 160 obradoiros formativos repartidos por toda a provincia, trinta máis que o ano anterior. Cada entidade poderá solicitar un único taller de 30 horas de duración, con grupos de entre 15 e 25 persoas, e cun mínimo do 70% de participantes maiores de 50 anos.

O orzamento total increméntase un 82%, ata os 266.055 euros. Mentres, o custo por participante e obradoiro sitúase nos 7 euros. As solicitudes deberán presentarse entre o 12 de febreiro e o 11 de marzo de 2026 a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

O catálogo de talleres inclúe propostas de exercicio físico e saúde, memoria e benestar emocional, creatividade, artesanía, baile, cociña saudable, restauración de mobles e formación dixital, con contidos como o uso do móbil, a ciberseguridade ou a tramitación electrónica.

“No goberno da Deputación estamos dando pasos de xigante para impulsar a nosa colaboración co tecido social da provincia como nunca antes se fixera nesta administración. Soamente na miña área, este ano contamos cun orzamento de 7,6 millóns de euros, un millón máis que en 2025. Isto é así porque queremos reforzar a nosa aposta polas familias, por estreitar lazos de convivencia e construír unha provincia máis inclusiva, onde todas e todos teñan cabida”, sinalou Paula Bouzós.

O encontro concluíu cunha quenda de preguntas e suxestións das asociacións asistentes e coa invitación a participar activamente nas dúas convocatorias para seguir construíndo unha provincia dinámica e saudable.

Galerias de imaxes