A Deputación segue avanzando no proxecto de Vía Verde entre Arcade e Pontevedra cun novo contrato coa Fundación Ferrocarriles Españoles
O organismo provincial tivo que asinar un novo acordo coa entidade encargada de redactar o plan de factibilidade do proxecto pola demora do ADIF para resolver os trámites administrativos para a cesión dos terreos e a sinatura do convenio
29/07/2026
A Deputación de Pontevedra segue avanzando no desenvolvemento do proxecto de Vía Verde entre Arcade e Pontevedra polo treito en desuso da vía do tren coa sinatura dun novo contrato coa Fundación Ferrocarriles Españoles para a redacción do plan de factibilidade do proxecto. Este novo acordo asinado o 21 de xullo xorde despois da rescisión do anterior contrato polo remate do prazo estipulado e pola demora do Adif para resolver os trámites administrativos necesarios para a cesión dos terreos e a sinatura do convenio de cesión dos mesmos ao organismo provincial. Con todo, desde o goberno da Deputación saen ao paso das declaracións do deputado do BNG, César Mosquera, quen criticou a resolución do contrato coa Fundación Ferrocarriles Españoles sen mencionar que o novo acordo xa estaba asinado. “Semella que o deputado Mosquera quere que as cousas lle vaian mal á provincia, pero está errado”, sosteñen desde a Deputación.
A Administración provincial asinou un primeiro contrato coa Fundación Ferrocarriles Españoles, entidade de referencia en España na construción de Vías Verdes, en xuño do ano pasado. Unha colaboración que serviu para analizar o terreo, deseñar distintas alternativas de itinerario e como proposta para solicitar ao Adif, titular do trazado ferroviario en España, a cesión dos treitos en desuso para convertelos en senda peonil. Pola súa banda, o administrador ferroviario amosou a súa disposición para a cesión dos terreos en favor da Deputación e, nun encontro do presidente Luis López cos responsables do Adif en novembro do 2025 en Madrid, acordáronse as condicións para a sinatura dun convenio de cesión dos terreos por un período mínimo de dez anos. Cómpre puntualizar que este caso conta con particularidades que requiren unha tramitación máis exhaustiva ao transcorrer ao carón de vías que seguen en uso, en zonas de alta velocidade e con presencia de túneles.
Dada a complexa tramitación para a cesión dos terreos, o compromiso do Adif para asumir a retirada da vía do ferrocarril e que os traballos non poden realizarse no verán por risco de incendio forestal; a sinatura do convenio para a cesión do trazado retrasouse, polo que a Deputación tivo que rescindir o contrato coa Fundación Ferrocarriles Españoles para asinar un novo contrato que permita a completa redacción do plan dentro dos prazos establecidos.
“De parálise nada e moito menos ter regresado á casilla de saída”, negan desde a o goberno provincial as valoracións do deputado nacionalista César Mosquera, quen alerta da paralización doutros proxectos na cidade coma a mellora da estrada de Tomeza que xa leva días en marcha.
Pola súa banda, a Deputación segue a dar pasos adiante no desenvolvemento dun proxecto estratéxico, transformador e complexo como é o da Vía Verde co obxectivo a longo prazo de construír unha senda desde Vigo a Vilagarcía polos trazados ferroviarios en desuso. O treito entre Arcade e Pontevedra xa está en marcha, cunha partida orzamentaria definida e unha tramitación aberta.