A Deputación de Pontevedra remite ao Concello de Vigo a revisión do proxecto de humanización da rúa Doutor Carracido para avanzar na mellora da cidade

Luisa Sánchez ratifica a “vontade” do ente provincial de achegar 2,1 millóns de euros a esta actuación, que prevé beirarrúas máis amplas e a renovación das redes de servizos

28/07/2026

A Deputación de Pontevedra remite ao Concello de Vigo a revisión do proxecto de humanización da rúa Doutor Carracido para avanzar na mellora da cidade

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou que os servizos técnicos da institución provincial veñen de remitir ao Concello de Vigo a súa revisión do proxecto de humanización da rúa Doutor Carracido para avanzar na mellora da cidade. Trátase dun paso decisivo para, a continuación, aprobar o convenio de colaboración entre as dúas administracións. Ese acordo contemplaría un investimento provincial de 2,1 millóns de euros, preto do 70% do orzamento total.

Durante un encontro con veciños e veciñas da contorna, Luisa Sánchez explicou polo miúdo as actuacións previstas, que permitirán converter esta rúa nun espazo máis cómodo e accesible. O proxecto contempla a ampliación e renovación das beirarrúas, o asfaltado integral da calzada, a instalación de novo mobiliario urbano con máis bancos, papeleiras e xardineiras, a renovación das infraestruturas subterráneas, a mellora da iluminación pública e unha revalorización do espazo público. Os traballos durarán doce meses.

A vicepresidenta subliñou que a Deputación mantén “intacto” o seu compromiso con Vigo e coa execución deste proxecto. “Estamos a falar dunha actuación que mellorará de xeito notable a vida diaria do barrio de Lavadores ao propiciar unha rúa máis amable e segura”, indicou.

A revisión remitida ao Concello incorpora unha valoración técnica favorable por parte da Deputación, con observacións de carácter técnico que non supoñen ningún impedimento para proceder á tramitación do convenio de colaboración. A administración provincial mantén reservados os fondos previstos para esta actuación e reafirma a súa disposición a colaborar co Concello para facer realidade un investimento chamado a mellorar de forma significativa esta zona de Vigo.

Luisa Sánchez tamén amosou a súa “vontade” para que esta intervención “poida executarse canto antes”. “A Deputación responde con traballo, informes e recursos económicos sobre a mesa para contribuír á transformación de Vigo”, afirmou. “Cando o goberno local queira contar cos investimentos da Deputación, a Deputación estará preparada para facelos realidade”, remachou.