Luisa Sánchez anima a “vivir o monte” de Vigo a través do deporte coa segunda proba do circuíto Entre Pontes
As inscricións para o trail, a andaina familiar e as carreiras infantís, todas de balde, abríronse este luns
31/08/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, animou a participar na segunda parada do circuíto Entre Pontes Trail & Running, que se celebrará en Vigo o vindeiro 12 de outubro. Unha cita deportiva que combinará deporte e natureza e que permitirá “vivir o monte” a través dun trail, unha andaina familiar e accesible e carreiras infantís.
Durante a presentación deste luns -na que tamén participou a directora de Deportes, Xisela Aranda-, Luisa Sánchez puxo en valor a colaboración da Mancomunidade de Montes de Vigo e do seu presidente, Uxío González. Canda ambos, a representante provincial na cidade olívica destacou o emprazamento escollido para esta proba. “Algo que debemos poñer en valor en Vigo é a súa riqueza forestal. Eu quero un Vigo verde, un Vigo que coide e potencie o seu monte”, sinalou.
A vicepresidenta reivindicou tamén o deporte como unha forma máis de coñecer o entorno natural da provincial. “O monte hai que vivilo. Adoitamos desfrutalo con pausa, vindo merendar ou comer con amizades, pero tamén podemos gozar del facendo deporte”, explicou. Neste sentido, considerou que Entre Pontes é un bo exemplo de como “deporte e natureza poden ir da man”.
Pola súa banda, Uxío González avanzou que se agarda a participación de alo menos mil persoas. O presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo amosou o “tremendo orgullo” que xera a “malla forestal” da cidade e o “asombro” que produce a súa proximidade co mar. Do mesmo xeito, agradeceu á Deputación e á Comunidade de Montes de Beade a “disposición” amosada para organizar esta competición.
A proba viguesa ofrecerá tres propostas diferentes para públicos tamén diversos. O trail contará cun percorrido de 14 quilómetros, mentres que a andaina familiar terá 4,6 quilómetros e estará deseñada para ser accesible e permitir desfrutar do contorno natural. Pola súa banda, as carreiras infantís sumarán 2,9 quilómetros. “Queremos que calquera poida participar: quen corre todas as semanas, quen está empezando, quen quere probar un trail por primeira vez, quen prefire camiñar ou quen simplemente quere pasar un bo día”, destacou Luisa Sánchez.
As inscricións, de balde, quedaron abertas este luns. Ademais, todas as persoas participantes recibirán a camiseta técnica oficial da proba. A saída e a meta estarán situadas no Parque Forestal de Beade e as diferentes actividades desenvolveranse a partir das 10.30 horas.
A organización habilitará tamén unha zona de convivencia ao rematar a proba, con foodtrucks, para prolongar a xornada máis alá da competición e favorecer un ambiente familiar e festivo.
Finalmente, Luisa Sánchez fixo un chamamento a participar tamén desde o respecto pola contorna natural. A organización establece un compromiso de cero residuos, polo que as persoas participantes deberán utilizar os puntos habilitados nos avituallamentos e evitar tirar lixo fóra deles, ademais de colaborar na recollida de todos os residuos unha vez rematada a proba.
Éxito da primeira parada
A cita de Vigo aspira a repetir o éxito de participación da primeira proba do circuíto, celebrada entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa. As 500 prazas dispoñibles para aquela primeira carreira esgotáronse en apenas dous días. Para Luisa Sánchez, este dato demostra que “hai ganas de facer deporte e de desfrutar da nosa provincia dunha maneira diferente”.
Entre Pontes está formado por seis probas -tres carreiras 10K e tres trails de 14 quilómetros- ás que se suman andainas e carreiras infantís. A iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra, busca achegar a práctica deportiva a diferentes puntos da provincia e, ao mesmo tempo, convidar a coñecelos desde outra perspectiva: “Temos lugares fantásticos que se poden coñecer correndo, camiñando ou facendo un trail”, lembrou a vicepresidenta.
“Despois do que pasou coa primeira proba, xa sabemos que as prazas poden durar bastante menos do que pensamos”, advertiu Luisa Sánchez, quen animou a non agardar ata o último día para formalizar a inscrición.
