A Deputación leva este xoves 10 de setembro a Catoira o espectáculo H2...oh! Pingas científicas dentro do circuíto +Escénicas

A obra de teatro da compañía Teatro dos Ghazafelhos representarase no Auditorio Municipal de Catoira ás 12:00 horas

07/09/2026

A Deputación leva este xoves 10 de setembro a Catoira o espectáculo H2...oh! Pingas científicas dentro do circuíto +Escénicas

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 10 de setembro a Catoira o espectáculo H2...oh! Pingas científicas encadrado na programación do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Desta maneira, a obra de Teatro dos Ghazafelhos, dirixida a maiores de 6 anos, representarase no Auditorio Municipal da vila ás 12:00 horas.

H2..Oh! é un laboratorio científico teatralizado, unha proposta chea de curiosidades científicas e humor dirixida a todos os público. Baseada no libro homónimo de María Canosa gañador do Premio Follas Novas 2021 á mellor publicación de divulgación, a obra está protagonizada pola propia autora en calidade de divulgadora científica e o matrimonio Curie (Teatro Ghazafelhos). Entre os tres protagonistas achegarán información científica singular e coa inestimable axuda do público realizaranse experimentos científicos que axudarán a levar, finalmente, a teoría á práctica.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.