A Deputación esgota as prazas para participar no trail e nas andainas de Entre Pontes Trail & Running que acollerá o 12 de outubro o Parque Forestal de Beade en Vigo

En total, 650 persoas están inscritas no 14k trail e nas dúas modalidades de andainas. Aínda quedan prazas para participar na carreira infantil

06/09/2026

A Deputación de Pontevedra esgota as prazas para participar no trail e nas andainas de Entre Pontes Trail & Running, que acollerá o 12 de outubro o Parque Forestal de Beade en Vigo. Son en total 650 as persoas que están xa inscritas, 500 no 14k trail e outras 150 nas dúas modalidades de andainas, a familiar de 2,9 quilómetros e a andaina para adultos de 4,6, e aínda quedan prazas para participar na carreira infantil.

A vicepresidenta da Deputación e tamén responsable do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, asegurou que a actividade en Vigo foi presentada este mesmo luns en Beade e “en pouco máis de tres días esgotáronse as prazas do trail e das andainas, o que revalida o interese da cidadanía neste tipo de probas e manifesta, unha vez máis, que somos a provincia do deporte”. Ademais, Sánchez recordou que, nestes momentos, están cubertas o 40% das prazas da carreira infantil e que quedan 91 prazas para participar, lembrando que o prazo de inscrición permanece aberto ata o 9 de outubro.

Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas e carreiras infantís. Os obxectivos deste programa, que pretende achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza.

Todas as probas son de balde e, tralo éxito nas inscricións rexistradas tanto para a 10k entre A Illa de Arousa e Vilanova, que terá lugar o 20 de setembro, e o trail que acollerá o Parque Forestal de Beade, en Vigo, o 12 de outubro, o circuíto continuará o 25 de outubro cunha 10k en Gondomar, o 1 de novembro cun trail en Cerdedo Cotobade, o 22 de novembro cunha 10k en Pontevedra e rematará o 29 de novembro en Moaña tamén cun trail.