Luis López sinala o éxito da nova liña de axudas que repartirá 200.000 € entre 183 agrupacións musicais para adquirir e reparar instrumentos e vestiario propio
“Estas axudas xurdiron para dar resposta a un clamor cultural”, sinalou o presidente da Deputación sobre unha liña que cualificou como “pioneira”
26/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou este venres o grande éxito da nova e “pioneira” liña de axudas destinada ás agrupacións e grupos musicais sen fins de lucro da provincia. A convocatoria logrou esgotar todo o crédito dispoñible, 200.000 euros, co fin de que un total de 183 entidades de 47 concellos da provincia poidan utilizar estes recursos para a adquisición e a reparación de instrumentos musicais e vestiario propio. “Estas axudas xurdiron dar para resposta a un clamor cultural”, sinalou o presidente provincial.
A liña está dividida en dúas categorías. Na primeira, destínanse 170.000 euros para que 180 entidades de 46 concellos poidan adquirir instrumentos e vestiario con achegas de ata 3.000 euros, mentres que na segunda outras 39 entidades (36 delas benefícianse da primeira liña) de 27 concellos poderán reparar instrumentos e vestiario con axudas de ata un máximo de 2.800 euros.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta nova iniciativa co fin de apoiar unhas entidades que coa súa acción contribúen á preservación do patrimonio inmaterial e á transmisión das tradicións galegas. Deste xeito, permítese reforzar o tecido asociativo cultural da provincia de Pontevedra e contribuír á conservación e difusión do patrimonio inmaterial de Galicia. O apoio da Deputación aos grupos e agrupacións musicais garante a continuidade das manifestacións culturais de Galicia á vez que dinamiza a actividade cultural na provincia, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social, co que tamén se reafirma o compromiso institucional coa identidade e a diversidade cultural galegas.
