A Deputación ultima o prazo para que entidades sen fins de lucro da provincia soliciten as axudas para a organización de festivais audiovisuais, dotadas con 200.000 €

Estas axudas incrementaron o orzamento en 30.000 € con respecto ao 2025 co obxectivo de avanzar no impulso de certames que dediquen especial atención á programación e difusión do cine en galego. O prazo permanece aberto ata o xoves 5 de marzo

02/03/2026

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata este xoves 5 de marzo o prazo para que entidades sen ánimo de lucro opten ás axudas económicas para desenvolver festivais audiovisuais. Trátase dunha liña de achegas dotada con 200.000 euros, un aumento de 30.000 € con respecto ao pasado ano, coas que a institución provincial pretende apoiar a organización de festivais e certames cinematográficos que dediquen especial atención á programación e á difusión do cine en galego.

Esta liña de axudas da Deputación, que o pasado ano beneficiou a eventos audiovisuais tan recoñecidos como o Play-Doc, o Festival de Cans, o FICBueu, Novos Cinemas, Curtas Festival do Imaxinario e o Galician Freaky Film Fest, está aberta a entidades con festivais que se desenvolvan ao longo deste ano na provincia durante catro xornadas como mínimo, con catro edicións consecutivas ás súas costas, que proxecten un mínimo de 20 pezas, das que o 5 ou o 10 % sexan de títulos de produción cinematográfica ou dirección galegas, e que inclúan na súa programación actividades paralelas ou formativas e empreguen a lingua galega na súa comunicación.

Con estes recursos provinciais, as entidades sen fins de lucro poderán financiar desde infraestruturas e espazos para as proxeccións, ata gastos de contratación, de xestión, de comunicación ou de galardóns e premios.