A Deputación continúa a ruta do Sabor das Rías Baixas con parada en Cerdedo Cotobade, O Grove e Portas para promocionar as festas gastronómicas da provincia
A campaña de posta en valor da gastronomía pontevedresa estará dispoñible o 22, 23 e 24 de abril en Tenorio, no exterior do centro médico de Carballedo, no pavillón de Cerdedo, no campo de fútbol de Portas e na praza do Corgo do Grove
21/04/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana a xira das food trucks do Sabor das Rías Baixas con parada en Cerdedo Cotobade, O Grove e Portas. Os días 22, 23 e 24 de abril estará dispoñible no campo de fútbol de Portas entre as 9:30 e as 15:30 horas e na praza do Corgo do Grove de 12:00 a 18:00 horas. Pola súa banda, en Cerdedo Cotobade estará o 22 de abril de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas en Covas – Tenorio, o 23 de abril de 10:30 a 13:30 horas no exterior do centro médico de Carballedo e de 16:30 a 19:30 en Covas-Tenorio e o 24 de abril de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas no pavillón de Cerdedo. Nos tres concellos a institución provincial distribuirá de xeito gratuíto preparacións inspiradas nos pratos típicos dos eventos gastronómicos de interese turístico da provincia.
O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos que realizan tres rutas polo norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e promovendo unha xestión sostible dos recursos desde o punto de vista económico, ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repártese material promocional onde se recollen as datas de celebración, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.
O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, e para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.
As festas promovidas son a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).