A Deputación mantén aberto ata o martes 30 de setembro o prazo para participar no III Programa de Crecemento Empresarial da provincia de Pontevedra

A iniciativa, enmarcada no programa SmartPeme+, terá lugar na zona de Vigo e O Baixo Miño

22/09/2025

III Programa de Crecemento Empresarial

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o martes 30 de outubro o prazo para poder participar no III Programa de Crecemento Empresarial impulsado no marco de SmartPeme+. A iniciativa terá lugar na zona de Vigo e O Baixo Miño e permitirá apoiar as empresas da provincia que se atopen en fase de crecemento e busquen consolidarse no mercado e mellorar a súa competitividade e sustentabilidade.

O programa está dirixido a persoas autónomas e empresas con domicilio social e principal na provincia de Pontevedra que recentemente iniciaron a súa actividade e buscan impulso ou a aquelas que desexan consolidar, reorientar ou expandir o seu negocio con novas liñas. Para optar ao programa, xunto coa solicitude, será necesario achegar unha presentación do equipo e unha memoria do proxecto, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que figuren os obxectivos do proxecto, a misión, visión e os valores da empresa, a descrición da actividade a realizar, a descrición do produto ou servizo ofrecido e as expectativas e obxectivos que se queren acadar coa participación no Programa de Crecemento Empresarial.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, o 30 de outubro, o equipo técnico de SmartPeme+ avaliará os proxectos para seleccionar aos participantes no programa que se desenvolverá entre o 6 de outubro deste ano e o 7 de xaneiro de 2026. Durante este período impartirante 60 horas de formación, con asesoramentos individuais e personalizados , adaptados ás necesidades de cada participante, e actividades presenciais para fomentar o traballo en equipo e promover a creación de espazos colaborativos. Así, impartirase formación sobre as claves para desenvolver un modelo de negocio e un plan de empresa, sobre redes sociais, marketing de contidos, análise de mercado, plan de marketing, principios básicos de finanzas e, entre outras, sobre ferramentas de deseño. O programa contará tamén cunha sesión de Lego Serios Play, outdoor trainging e un demoday de peche no que se presentarán os proxectos participantes, e haberá un premio á mellor iniciativa de emprendemento.

O pasado ano o Programa  de Crecemento Empresarial de SmartPeme+ desenvolveuse en Lalín e contou coa participación de seis proxectos da Estrada, Lalín e Silleda: a Asociación de Mulleres que Aman o Rural, o medio de comunicación local Ecos de Comarca; o negocio de produtos a granel Plazeite, o negocio de produtos para mascotas Viralatas Petshop, a organizadora de eventos networking Workevents e a empresa de economía social relacionada coa natureza e o patrimonio Amarela.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.