A Deputación acolle unha xornada centrada no benestar emocional na infancia en colaboración coa Cruz Vermella

A xornada está dirixida á comunidade educativa e social e enmárcase no proxecto financiado pola institución provincial “Conta con nós”

02/11/2026

A Deputación acolle unha xornada centrada no benestar emocional na infancia en colaboración coa Cruz Vermella

A Deputación de Pontevedra acolle este xoves 5 de novembro no Salón de Plenos do Pazo provincial a terceira xornada impulsada pola Cruz Vermella no marco do proxecto Conta con nós, financiado polo organismo provincial. A xornada, baixo o título de “O benestar emocional na infancia e adolescencia: entendendo para acompañar”, será inaugurada pola deputada de Benestar Social, Paula Bouzós e celebrarase en horario de mañá, desde as 9 ás 13 horas.

Esta terceira edición da xornada Conta con Nós está dirixida á comunidade educativa e social (profesorado, familias, alumnado e profesionais do eido social e de entidades sociais) e ten por obxectivo poñer no centro o benestar emocional das e dos máis pequenos no contexto actual, que vai mudando a gran velocidade. O obxectivo é que sexa un punto de encontro participativo, próximo e útil, onde as e os asistentes poderán compartir as súas propias experiencias e os recursos prácticos arredor das emocións e da educación. Ao mesmo tempo, busca dar a coñecer o proxecto e seguir establecendo contactos con todas aquelas persoas e entidades que traballan por unha infancia emocionalmente saudable.

Ao longo da sesión participarán a doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora titular nesta universidade, Sonia Doallo Pesado; a doutora en Psicoloxía, especialista en desenvolvemento socioemocional e psicoloxía infantil e adolescente, e profesora titular e investigadora en ciencias do comportamento e psicoloxía na Universidade Camilo José Cela, Ruth Castillo Gualda, e o doutor en Psicoloxía e profesor da USC, e un dos principais especialistas en España en mocidade, adiccións e convivencia, Antonio Rial Boubeta. As persoas interesadas en asistir á xornada poden inscribirse na web da Deputación.

A Deputación de Pontevedra colabora no programa da Cruz Vermella “Conta con nós”, que busca sensibilizar a poboación sobre a importancia de obter e manter un adecuado benestar emocional como camiño ineludible para ter unha vida plena e satisfactoria. Entre as accións a desenvolver salientan obradoiros de educación emocional en centros de ensino, con familias e axentes educadores, accións de formación para o voluntariado do programa e outras de sensibilización para toda a poboación, ademais desta propia xornada que acolle este xoves o Pazo provincial da Deputación.

Ligazóns de interese