A Deputación comeza as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-9206 entre Portonovo e Vichona, en Sanxenxo, cun investimento de preto de 154.000 €
A obra, financiada integramente polo organismo provincial, mellorará as condicións da marxe dereita da estrada nun treito de 380 metros da estrada, entre os puntos quilométricos 0+100 e o 0+480
11/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras de mellora da seguridade viaria na marxe dereita da estrada provincial EP-9206 Portonovo-Vichona, cun investimento de preto de 154.000 €. A actuación, financiada integramente polo organismo provincial, mellorará as condicións dun treito de 380 metros desta estrada, entre os puntos quilométricos 0+100 e o 0+480, nun prazo aproximado de execución de tres meses.
Tal e como explicou a deputada provincial, Belén Cachafeiro, con estas obras, o organismo provincial pretende mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria da estrada, mediante a execución dunha beirarrúa para facilitar o tránsito peonil. Ademais, renovarase a capa de rodaxe mediante unha nova capa de formigón e a sinalización viaria afectada polas obras.
A actuación, tal e como recordou a deputada de Infraestruturas, complementarase coa substitución das lousas rotas e afundidas por formigón colorado, no tramo de beirarrúa existente e en continuidade co novo treito que se vai a executar, e tamén cunha nova rede de saneamento de augas pluviais, mediante tubaxes de PVC, e pozos e sumidoiros.