A Deputación comeza en Salvaterra de Miño o programa Ao son da nova regueifa para difundir a importancia da expresión oral para revitalizar a lingua galega
No marco do programa, do que se beneficiarán un total de 30 centros educativos de secundaria públicos, difundirase unha peza documental que aborda o proceso de recuperación desta práctica cultural
29/09/2026
A Deputación de Pontevedra comeza esta semana en Salvaterra de Miño as actividades do programa Ao son da nova regueifa, unha pioneira iniciativa provincial que chega aos centros educativos de secundaria sostidos con fondos públicos para divulgar entre a mocidade o papel fundamental que ten esta forma de expresión oral improvisada para a lingua. A primeira actividade celebrarase este mércores 30 de setembro con alumnado do IES Salvaterra de Miño, e os centros que estean interesados aínda teñen ata o 30 de novembro para solicitar a súa adhesión de xeito totalmente gratuíto.
A Deputación oferta un total de 30 pases do documental “Ao son da nova regueifa” para centros educativos de secundaria sostidos con fondos públicos, co obxectivo de divulgar entre a mocidade o papel fundamental desta forma de expresión oral improvisada para a lingua. Nel abórdase a revitalización das regueifas, os combates de enxeño onde as persoas participantes van cantando por quendas, respondéndose unhas ás outras, con rimas rápidas e moita retranca, normalmente ao ritmo dunha melodía popular.
O documental analiza o proceso de recuperación desta práctica cultural que historicamente tivo presenza en múltiples comarcas galegas, incluíndo diferentes zonas do sur da provincia. A peza tamén reflexiona sobre a súa capacidade de adaptación ás novas xeracións, aos espazos urbanos e aos ámbitos educativos, consolidándose como unha ferramenta de transmisión interxeracional. Máis que unha simple reportaxe, o documental funciona como un testemuño de como o patrimonio inmaterial galego se adapta ás novas xeracións para seguir vivo.
No ano 2025 a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas á poesía popular oral. Neste contexto, dentro das tradicións populares, xorde a improvisación oral da lingua galega en verso, que inclúe as regueifas, os brindos, as loias e outras modalidades similares que teñen como fío común a oralidade, o desafío, a rima, o enxeño e a arte. A regueifa favorece a competencia lingüística mediante o enriquecemento do vocabulario, o dominio da rima e a mellora da fluidez oral, ao tempo que impulsa o pensamento crítico e anima ao alumnado a escoitar, analizar e responder con rapidez e coherencia.