A Deputación saca a licitación a mellora da estrada provincial EP-9704 Igrexa de Caleiro, en Vilanova de Arousa, por un importe superior aos 80.000 euros

O proxecto, financiado ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello, contempla a creación dun itinerario peonil duns 100 metros de lonxitude que dará continuidade ás beirarrúas existentes nos extremos do ámbito de actuación

03/11/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras que permitirán mellorar a mobilidade peonil na EP-9704 Igrexa de Caleiro, en Vilanova de Arousa, por un importe de máis de 80.000 euros (IVE incluído). Trátase duns traballos cofinanciados pola institución provincial e o Concello de Vilanova, a través dun convenio de colaboración, polo que a Deputación achega o 80% mentres que o Concello se encarga do 20% restante e, ademais, dos custos das expropiacións necesarias para levar a cabo o proxecto.

A actuación desenvolverase nun tramo de 100 metros no que se pretende crear un itinerario peonil, de ancho variable e mínimo de 2,5 metros de ancho, cun pavimento de 15 centímetros de formigón. Executarase ademais unha nova rede de drenaxe, instalarase a canalización soterrada para o alumeado público e renovarase a capa de rodaxe da calzada. Por último, renovarase a sinalización no treito afectado e habilitarase unha zona de aparcadoiro en liña.

Grazas a este novo itinerario peonil, conectaranse os dous tramos de beirarrúa xa existentes nos dous extremos do ámbito das obras. Deste xeito daráselle continuidade ao tránsito a pé, mellorando as condicións de seguridade. Os traballos teñen un período de execución de tres meses e as empresas teñen de prazo ata o 18 de novembro para presentar as súas ofertas.