Luis López anuncia a aprobación de preto de 5 millóns de euros para avanzar en política social

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación do programa +Benestar en 2026 e ás bases do programa Provincia activa, das axudas para actuacións no ámbito social, das axudas básicas de emerxencia e do plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios

26/12/2025

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación de preto de 5 millóns de euros para avanzar na política social do goberno provincial. A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde a cinco asuntos, a adxudicación da contratación do programa +Benestar e ás bases de catro actuacións: o programa de envellecemento activo Provincia activa, as axudas para actuacións no ámbito social, as axudas básicas de emerxencia e o plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios. “Estamos convencidos de que só poderemos conseguir que esta provincia vaia a máis se garantimos o benestar do conxunto da nosa sociedade, por iso estes recursos que hoxe aprobamos son tan importantes para nós e para o avance da nosa provincia”, sinalou Luis López.

A Deputación aprobou a adxudicación da contratación de +Benestar 2026, o programa de termalismo social dirixido a maiores e pensionistas da provincia, por valor de 222.000 euros. A Deputación ofrece estadías de 6 días e 5 noites en hoteis con balneario, talaso ou spa con pensión completa e actividades de animación sociocultural para máis de 2.100 persoas, das que a maioría están subvencionadas pola Deputación con 100 euros e, no réxime especial, 30 prazas con 400 euros. “A meta é promover espazos de encontro e intercambio de experiencias que permitan fomentar a independencia dos nosos maiores e evitar situacións de illamento”, sinalou o presidente provincial.

Tamén en envellecemento activo, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases reguladoras de Provincia activa, que o ano que vén estará dotado de 120.000 € máis que en 2025 para chegar aos 270.000 euros. Co crédito tamén aumenta o número de obradoiros, 160 fronte aos 130 da edición de 2025, dirixidos a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas, que optarán a un catálogo de actividades formativas relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais.

A Deputación tamén aumenta o crédito das axudas para actuacións no ámbito social no ano 2026 dirixidas a entidades sen fins de lucro. O seu orzamento pasa a ser de 600.000 €, 100.000 € máis que este ano, para “impulsar proxectos sociais cos que financiamos proxectos de inserción laboral ou de prestación de servizos sociais dirixidos a persoas en situacións de vulnerabilidade”, informou o presidente, con achegas de ata o 80% do proxecto e un máximo de 8.000 €.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou as bases reguladoras das axudas básicas de emerxencia, que distribuirán uns 610.000 € nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para que poidan atender as necesidades urxentes dos veciños que se atopen en situación ou risco de exclusión social. Preto de 400.000 € destinaranse a financiar gasto corrente como alimentación, uso da vivenda, facturas, produtos farmacéuticos, reparación de vehículos, lentes de contacto, odontoloxía ou axudas de estudo e de apoio á infancia. Ademais, preto de 210.000 € destinaranse a investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables.

Por último, aprobáronse as bases reguladoras do Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios no ano 2026, dotado de preto de 3,1 millóns de euros tamén para os concellos de menos de 20.000 habitantes, que poderán sufragar con estes recursos “as retribucións brutas e de seguridade social do persoal auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” e mais “cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios”, sinalou Luis López.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.