Luis López anuncia a concesión das axudas DepoVAN, que chegarán a 33 clubs deportivos para a adquisición ou adaptación de vehículos
As axudas, cuxo orzamento se duplicou para dotalas de 600.000 euros, buscan facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e outras actividades do seu ámbito
26/12/2025
“Non hai Xunta de Goberno sen avances na provincia do deporte”, asegurou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ao anunciar a aprobación da concesión das axudas DepoVAN polas que un total de 33 clubs deportivos obterán fondos para adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. A liña está dotada de 600.000 euros –despois de duplicar o seu orzamento inicial de 300.000 euros tras detectar a necesidade de repartir máis fondos– para facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e calquera outra actividade do seu ámbito, así como ao traslado de materiais.
O goberno provincial puxo en marcha estas axudas tendo en conta as dificultades de moitos clubs para acceder a estes bens por cuestións económicas, na busca de fortalecer o tecido deportivo da provincia. O presidente Luis López sinalou que este programa é “unha nova mostra do compromiso cos colectivos, neste caso do eido do deporte, e que resultou ser un auténtico acerto”. De feito, López anunciou que “imos subir a nosa aposta e xa nos orzamentos que hoxe aprobamos definitivamente no Pleno contemplamos un millón de euros de entrada para estas axudas en 2026, máis do triplo do que recibiron inicialmente este ano”.
As axudas distribúense en tres ámbitos de actuación: deporte xeral, 308.000 euros para 16 clubs (Club de Montañas Xesteiras, Club Balonmano Porriño, Club Arosa Sociedad Cultural, Luceros, Club de Bádminton Ravachol Pontevedra, Club Sociedad Deportiva Carballal, Club Balonmán Cangas, Real Club Celta de Atletismo, Master da Louriña, Club Deportivo La Peña, Clube Bádminton As Neves, Club Vigo Voleibol, Club Deportivo Baloncesto Estudiantes Pontevedra, Asociación Recreativa Ciclismo Oiense, Club Ciclista Ponteareas e Sociedad Gimnástica de Pontevedra); deporte náutico, 208.000 € para 11 clubs (Club Náutico Pontecesures, Club Marítimo Deportivo e Cultural Breogán do Grove, C. Kayak Tudense, Club As Torres, Club Kayak Vigo, Real Club Náutico de Vigo, Club Marítimo de Canido, Club de Remo Chapela, Sociedad Deportiva Samertolameu, Club Piragüismo Vilaboa e Club Naval de Pontevedra); e deporte para persoas con discapacidade, 84.000 € para 6 clubs (Escola Xadrez de Pontevedra, Club de Remo Ría de Marín, Quenlla Surf Clube, Club Polideportivo ACEESCA Porriño, Club Náutico Inclusivo Baixo Miño e Club Deportivo ASPAVI).
DepoVAN responde ao compromiso da Deputación co desenvolvemento deportivo e á necesidade de garantir a igualdade de oportunidades no acceso e na práctica deportiva, especialmente para aquelas persoas ou entidades que, polas súas circunstancias, requiren adaptacións específicas. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca mellorar as condicións de mobilidade e promover unha práctica deportiva segura, estruturada e accesible para todos os deportistas da provincia, con especial atención ás necesidades específicas das persoas con discapacidade.
