Luis López asina coa alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, unha achega da Deputación de 1,1M€ o para a recuperación da praia fluvial do río Liñares

O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo valorado en case de 1,6M€ dos que o ente provincial aporta o 70% para atender unha demanda veciñal e mellorar os servizos dunha contorna natural de alto valor

15/10/2026

Luis López asina coa alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, unha achega da Deputación de 1,1M€ o para a recuperación da praia fluvial do río Liñares

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o convenio para a recuperación da área recreativa da praia fluvial do río Liñares e a reforma das edificacións da contorna. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Louzao selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 1,1M€ a través do Plan Extra para financiar o 70% dunha obra valorada en máis de 1,57M€, que completará o Concello con fondos propios e axudas doutras administracións. Unha inxección de recursos provinciais que “vai marcar un antes e un despois na vida dos estradenses coa transformación dun espazo tan relevante como é a contorna do río Liñares”, afirmou o presidente despois de asinar o acordo.

O proxecto consiste na mellora das condicións actuais deste espazo para o uso da poboación como área recreativo nunha contorna natural próxima ao núcleo urbano da Estrada. Tamén inclúe a reforma de construcións existentes nese ámbito para uso social e de servizo ao ámbito. Entre as liñas de actuación previstas, sobresaen a ampliación da área da praia e da zona de solarium coa construción dunha pasarela peonil de madeira, a creación dun paseo fluvial, a substitución do quiosco, a reforma integral das construcións existentes para dar cabida a aseos, vestiarios e outros servizos. Así mesmo tamén está contemplada a reordenación da zona da carballeira, así como das áreas de mesas e grellas; a rehabilitación do parque infantil, a mellora dos accesos, o acondicionamento do viario interior para favorecer a mobilidade entre as distintas zonas e a renovación das redes de electricidade, augas, iluminación e telecomunicacións. Do mesmo xeito, resérvase a posibilidade de ampliar o espazo cunha área de deporte ao aire libre.

“Poñemos a disposición da veciñanza un espazo para ocio de gran valor medioambiental. En definitiva, un proxecto estratéxico que foi dos que acadou a puntuación máis alta no proceso de baremación”, salientou o dirixente. “De non ser pola axuda de administracións tan próximas aos concellos como é a Deputación de Pontevedra sería imposible este proxecto. Escollemos un proxecto turístico como é a recuperación dunha área fluvial. A Estrada ten praia e agora vai ter unha praia infinitamente mellor para os estradenses e a xente que nos visite”, engadiu o rexedor.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de A Estrada, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos á mellora doutras espazos públicos de titularidade municipal, así como aos servizos, as infraestruturas viarias ou instalacións deportivas.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.