Luis López asina co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, un investimento de 600.000€ para a urbanización do barrio da Igrexa do Castro

O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación efectúa achega máxima do Plan Extra: 500.000€ para o desenvolvemento dunha zona na que se instalará o novo albergue de peregrinos e novos servizos

27/07/2026

Luis López asina co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, un investimento de 600.000€ para a urbanización do barrio da Igrexa do Castro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, o convenio para a reurbanización das rúas interiores e mellora da vía de acceso ao barrio da Igrexa do Castro, enmarcada na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Campos selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 500.000€ a un proxecto valorado en case 600.000 euros, que completa o Concello cunha aportación de 98.750 euros. “Outra mostra do compromiso da Deputación cos concellos pequenos e do reto demográfico como é o caso de Dozón”, afirmou o presidente despois de asinar o convenio.

O proxecto define a mellora do barrio da Igrexa do Castro de Dozón a través da reurbanización das súas rúas interiores, así como a mellora da vía de acceso e a dotación das infraestruturas necesarias de abastecemento, saneamento, alumeado público, accesibilidade, sinalización viaria, aparcamento e mobiliario urbano nunha superficie de 5.690 metros cadrados. Proxéctase a rectificación do trazado actual e a súa ampliación, co obxecto de mellorar a visibilidade e a seguridade de vehículos e peóns incorporando beirarrúas. Será arranxado tamén o camiño de acceso á antiga casa reitoral, futuro albergue de peregrinos.

“A contorna do Barrio da Igrexa tiña unha serie de carencias en materia de saneamento, amplitude e iluminación e se lle vai poñer solución. Un proxecto estratéxico que da man da Deputación e en colaboración co Concello de Dozón vai ser unha realidade”, valorou o mandatario provincial. “É un proxecto que os veciños levaban tempo requerindo, pero ata este plan non foi posible materializar. Con esta axuda da Deputación, as posibilidades dun concello tan pequeno como Dozón multiplícanse porque facer investimentos cos recursos do concello é inviable e facelos cos recursos do +Provincia implicaría unha concentración excesiva dos investimentos deixando desatendido o resto. Así que estes plans son unha oportunidade inmensa para concellos tan pequenos como Dozón”, agradeceu o rexedor Adolfo Campos.

A colaboración da Deputación co Concello de Dozón non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato case 3M€ a través dos distintos plans de cooperación, dos cales 1M€ están destinados ao desenvolvemento de proxectos estratéxicos.

Galerias de imaxes

audios

intervención do alcalde Adolfo Campos

intervención do presidente da Deputacion de Pontevedra Luis López