Luis López asina co alcalde de Poio, Ángel Moldes, a achega de 800.000€ para financiar a transformación da antiga gardería de Campelo en centro de maiores
O presidente provincial, acompañado polo rexedor e a conselleira de Política Social, Fabiola García, percorre as instalacións do centro, que será remodelado grazas á cooperación das tres administracións cun investimento total de máis de 1M€
10/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Poio, Ángel Moldes, o convenio para o acondicionamento da antiga gardería de Campelo como centro de maiores. Un acordo enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. Nunha visita á localidade na que se sitúa o inmoble, López e Moldes selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará arredor do 80% dun proxecto valorado en preto de 1M€ ao abeiro do Plan Extra. Unha parte do importe restante, arredor de 120.000€, achégaos a Xunta de Galicia, que tamén colabora na realización dun proxecto estratéxico e moi agardado entre a veciñanza de Campelo e do Concello de Poio. A contía restante aportaraa o Concello con recursos propios.
“Asinamos un convenio que marcará un antes e un despois para a veciñanza de Campelo. Ao abeiro da segunda convocatoria do Plan Extra, impulsamos a transformación dun edificio abandonado, nun centro para maiores. A través da cooperación entre institucións, a Deputación inxecta máis de 800.000 euros a un proxecto estratéxico valorado en 1M€, no que tamén colabora a Xunta de Galicia”, salientou o mandatario provincial nun acto no que tamén participaron o alcalde Ángel Moldes e a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García.
A través desta actuación, habilitarase un punto de encontro, de reunión e para a realización de actividades dirixidas as persoas maiores dun dos núcleos máis poboados e dinámicos de Poio como é o de Campelo. O proxecto contempla a reforma todo o interior do edificio con novos elementos de carpintería para mellorar a eficiencia enerxética do inmoble, así como a creación de novos espazos para favorecer o uso social, asistencial e lúdico desta antiga gardería, como centro para maiores.
Trátase dun proxecto estratéxico, transformador e moi demandado por parte da veciñanza de Campelo. Unha proposta que pasará do papel ao terreo grazas, segundo recoñeceu o presidente Luis López, ao traballo rigoroso do alcalde de Poio. “Ángel Moldes non só ten demostrado nestes tres anos de mandato que Poio podía saír da parálise na que estaba sumida e comezar a ser fonte de boas novas, de novos investimentos e de mellores servizos. Tamén demostra a súa capacidade para planear grandes proxectos, buscar o financiamento necesario e, sobre todo, cumprir a palabra dada. Este proxecto era unha promesa, pero agora vaise converter en realidade grazas ao teu traballo”, enxalzou o dirixente provincial, nun acto ao que asistiron veciñas e veciños da contorna.
A colaboración da Deputación co Concello de Poio non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 6,6M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
