Luis López celebra a maioría de idade da Festa da Sementeira de Salvaterra convertida nunha referencia do potencial cultural e turístico do interior das Rías Baixas
O presidente da Deputación recoñece o labor do colectivo Quinta do Piñeiro e do goberno local na organización dunha festa que “exalta as nosas raíces” ao tempo que exhibe “un dos grandes tesouros do interior da provincia”
10/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este domingo na celebración da décimo oitava edición da Festa da Sementeira e da Música de Salvaterra de Miño, que xa está consolidada como unha referencia no calendario cultural da provincia e demostra “o potencial cultural e turístico do interior das Rías Baixas”.
“Esta festa da Sementeira é moito máis ca unha exaltación das nosas raíces e das nosas tradicións gandeiras e agrarias: é unha celebración que enriquece un destino turístico coma as Rías Baixas, sustentable e ligado ao territorio e á cultura, é un lugar que demostra o enorme potencial do interior das Rías Baixas e é unha mostra do acerto da aposta turística da Deputación por descentralizar a cultura e o turismo, é dicir, potenciar o mellor desta provincia en todos os seus recunchos”, afirmou o presidente Luis López na inauguración desta festa que organiza a Asociación Quinta do Piñeiro e o Concello de Salvaterra de Miño.
A edición deste ano, que tivo como invitados principais aos membros da Confraría do Txuletón para pronunciar o pregón, contou con numerosas actuacións musicais, obradoiros de artesanía centrados nos oficios do campo, e unha exposición de tractores clásicos, entre outras moitas outras propostas lúdicas e culturais. Trátase dun festival que cada ano recibe o apoio da Deputación a través de distintas liñas de colaboración.
“O interior desta provincia garda moitísimos tesouros, pero sen dúbida, un dos que máis brilla está aquí en Salvaterra de Miño e é esta emblemática Festa da Sementeira”, concluíu o dirixente, quen puxo en valor o labor dos organizadores e reiterou o compromiso da Deputación cun evento que se supera cada ano. “É unha celebración das de maior tradición da provincia e que este ano acada a súa maioría de idade: 18 edicións e é a clara mostra de que se poden organizar grandes eventos culturais, musicais e sociais en contornas rurais. Por iso, con esta festa ocorre o mesmo que con todas as persoas que descobren o paraíso interior das Rías Baixas, que sempre volven”, rematou o presidente Luis López.
