Luis López sinala o apoio da Deputación ao emprendemento con 6.000 asesoramentos e a cesión de espazo para 30 proxectos en menos de tres anos

A institución provincial destaca o seu labor de acompañamento e apoio ao tecido empresarial da provincia co gallo da celebración do Día das Microempresas e as Pequenas e Medianas Empresas que se conmemora o 27 de xuño

26/06/2026

Luis López sinala o apoio da Deputación ao emprendemento con 6.000 asesoramentos e a cesión de espazo para 30 proxectos en menos de tres anos

Ás portas da celebración do Día das Microempresas e as Pequenas e Medianas Empresas (MIPEME) que se conmemora o 27 de xuño, o presidente Luis López puxo en valor “o labor que estamos realizando desde a Deputación de Pontevedra para acompañalas a facer realidade os seus proxectos, apoiándoas desde o berce ata a súa consolidación”, a través de experiencias como o programa SmartPeme+ ou os viveiros de empresas, coa realización de preto de 6.000 asesoramentos e a cesión de 30 espazos, ou o fomento da cultura emprendedora nas etapas educativas ao abeiro do programa DepoEmprende.

Na fase de consolidación, a través dos viveiros de empresas de Barro e Lalín “prestamos locais equipados para proxectos en fase de desenvolvemento ou de recente creación”, sinalou Luis López, que necesiten un espazo axeitado para analizar e preparar os seus proxectos (que deben constituírse nun máximo de tres meses desde instalarse), para comezar a súa actividade (nun prazo máximo dun mes) ou para continuala (que leven un máximo de dous anos en activo). Ademais, teñen acceso a servizos de asesoramento e formación a través dos distintos departamentos provinciais, en materias como creación e xestión de empresas, internacionalización, xestión da calidade, medio ambiente e prevención de riscos laborais, proxectos e subvencións relacionados coa Unión Europea, ademais de asesoría xurídica, fiscal e laboral.

“Desde a chegada deste goberno, pasaron por eles preto de 30 proxectos emprendedores”, sinalou Luis López. Na actualidade, o viveiro de Barro conta con 16 naves ocupadas (o 100%) e 10 oficinas (de 24), e ten dispoñibles tres espazos coworking. No viveiro de Lalín están dispoñibles dúas das súas tres naves, dúas das súas tres oficinas e un espazo coworking, que na actualidade é utilizado puntualmente pola Asociación de Empresarios de Deza para a realización de cursos de formación. Nestes dous espazos conviven proxectos relacionados coa venda e distribución de produtos alimentarios, servizos náutico-deportivos, instalación de placas solares, servizos relacionados con terreos para futuras construcións de edificios, consultoría e asesoría en importación e exportación, obras civís, servizos de márketing e aplicacións web ou instalacións deportivas e parques infantís. E en liñas xerais, preto de 120 proxectos pasaron por estes espazos desde a súa posta en funcionamento no ano 2016.

Outro dos principais programas de apoio a estas empresas, concretamente na fase de crecemento, é SmartPeme+, totalmente redeseñado para seguir mantendo o compromiso da Deputación coa asistencia e acompañamento ao empresariado provincial pero desde unha perspectiva máis eficiente respecto ao emprego dos recursos públicos. Coordinándose e evitando solapamento cos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia ou cos propios viveiros provinciais, na actualidade o servizo préstase desde as oficinas de Pontevedra, Ponteareas e Vigo.

Nos últimos tres anos, a través da rede SmartPeme+ a Deputación realizou “6.000 asesoramentos a pemes, persoas autónomas e emprendedoras”, informou Luis López, consolidando a súa posición como un referente no impulso á competitividade, á dixitalización e ao crecemento do tecido empresarial na provincia. A maior parte dos asesoramentos realizáronse desde a liña TIC (máis de 4.100), evidenciando a crecente demanda de apoio en procesos de dixitalización, adopción tecnolóxica e incorporación de ferramentas innovadoras no día a día dos seus negocios. Ademais, a liña TurisTIC (competitividade do sector turístico) realizou 550 asesoramentos, a liña de emprendemento preto de 500, e a de imaxe (posicionamento de marca, márketing dixital e comercialización) outros preto de 500. Desde o Centro Provincial de Economía Dixital, situado en Barro, prestáronse 150 asesoramentos sobre ciberseguridade, impresión 3D, robótica e Intelixencia Artificial.

A maiores da súa liña de asesoramento, SmartPeme+ tamén ofrece un intenso programa de formación. Desde mediados de 2023, asistiron aos obradoiros 830 empresas da provincia coa participación de máis de 3.500 persoas, consolidando así o modelo do proxecto, que combina o acompañamento individual con accións de capacitación colectiva que se adaptan ás necesidades reais do tecido empresarial. Ademais, preto de 40 empresas participaron nas cinco iniciativas postas en marcha neste mandato para a aceleración de empresas, o emprendemento e o crecemento empresarial con perspectiva comarcal (dúas edicións, para empresas de Deza e das comarcas de Vigo e O Baixo Miño).

Fomentando a cultura emprendedora desde as etapas educativas

Desde o berce, a Deputación contribúe a que a cultura emprendedora se adquira moito antes de que comecen a bosquexarse os proxectos empresariais, concretamente xa desde as etapas educativas. Por este motivo, a institución provincial leva a cabo o programa DepoEmprende, defendendo a súa integración no currículo académico. “Promovemos os valores, as competencias e as actitudes emprendedoras en colaboración cos centros de ensino”, sinalou Luis López, entendidas desde unha perspectiva ampla e non cinguida exclusivamente ao empresarial. O alumnado participante (primaria, secundaria, especial e FP medio e superior) crea cooperativas solidarias, que destinan parte dos beneficios a entidades sociais, ou proxectos empresariais que lle permiten adquirir competencias adecuadas para o seu ámbito (no caso da FP).

Durante o mandato actual rexistráronse 79 participacións e creáronse un total de 121 cooperativas: 95 nas modalidades de DepoEmprende na Escola (primaria e especial) e na ESO, e outras 26 iniciativas na modalidade de FP, desde 34 centros de ensino de 19 concellos da provincia. En total, mobilizáronse preto de 1.300 alumnas e alumnos durante os últimos tres cursos académicos. Mostra da satisfacción do alumnado e a comunidade educativa en xeral co funcionamento de DepoEmprende é que preto da metade dos centros repetiron trala súa primeira participación no programa durante este período.

O apoio ás MIPEME forma parte dunha aposta global do goberno da Deputación por fomentar que a provincia de Pontevedra sexa un territorio próspero e de dinamización económica. De feito, “con este goberno alcanzamos o 100% de ocupación do polígono de Barro-Meis, con 32 empresas instaladas nas súas 74 parcelas”, sinalou López. Tamén con outros proxectos como Move, “ao que están adheridos arredor de 250 negocios da provincia”. Esta rede permite aos comerciantes e hostaleiros estreitar vínculos con produtores e provedores locais dándose a coñecer entre si e establecendo relacións comerciais e novas oportunidades de negocio, e tamén visibilizando os seus proxectos entre a cidadanía a través de Internet, con instrumentos como un mapa interactivo ou vídeos nos que presentan cadansúa historia.

“A provincia debe ser o motor económico, da innovación e do emprego en Galicia, por iso destinamos á área de Promoción Económica e Fomento do Emprego un 30% máis de recursos respecto ao exercicio anterior, con preto de 4 millóns de euros”, sinalou Luis López. “E por iso poñemos á súa disposición esta completa gama de servizos que as acompañan en todo o ciclo de vida, desde que comezan as ideas ata que buscan seguir consolidando os seus modelos”, concluíu o presidente.