Luis López celebra o avance da provincia do deporte ao sumar o novo campo de San Mateo de Ponteareas: unha obra de 375.000€ financiada ao 100% pola Deputación

O mandatario provincial, acompañado pola coa alcaldesa Nava Castro, salienta que esta nova instalación deportiva, financiada ao abeiro dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, solucione os problemas de mantemento do antigo céspede

26/07/2026

Luis López celebra o avance da provincia do deporte ao sumar o novo campo de San Mateo de Ponteareas: unha obra de 375.000€ financiada ao 100% pola Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de inaugurar este domingo o novo campo de fútbol de San Mateo, en Ponteareas, un proxecto valorado en 375.000 euros, financiado ao 100 % polo organismo provincial e que “consolida á provincia como campioa do mundo do deporte”, afirmou o presidente, nun acto no que tamén participaron representantes do tecido deportivo de Ponteareas, a alcaldesa Nava Castro e o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán; ao que López felicitou polo éxito da segunda estrela conseguida pola Selección Española. O mandatario provincial subliñou a aposta da Deputación pola mellora das instalacións deportivas municipais, nas que van mobilizados 30M€ a través das tres convocatorias do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas; e das xestionadas directamente polos clubs deportivos, co anuncio dunha liña de subvencións específicas dotadas con 1,8M€ para a mellora dos seus locais, terreos ou equipamentos.

A obra para o novo campo de fútbol de San Mateo, en Ponteareas, foi executada en dúas fases e financiada de xeito íntegro pola Deputación. Na anualidade do ano 2024, o organismo provincial destinou 134.000€ da primeira convocatoria do PEID e 43.460€ do +Provincia, á demolición das antigas instalacións e preparación do terreo para instalar o novo céspede; mentres que ao ano seguinte, cunha achega de 197.250€ procedentes da segunda convocatoria do PEID, a intervención serviu para instalar unha capa de herba artificial de última xeración, así como os materiais necesarios para a practica do fútbol. Un proxecto que demostra a flexibilidade da Administración provincial cos concellos para sacar adiante actuacións estratéxicas e unha intervención moi demandada para resolver dunha vez por todas os problemas de mantemento que arrastraba esta infraestrutura ao trocar o céspede natural por unha solución artificial de maior calidade e durabilidade. “Poñemos a disposición da veciñanza de Ponteareas unha instalación moderna, de calidade e axeitada para a práctica deportiva”, remarcou López.

Este proxecto supón unha nova mostra do impulso que a Deputación lle está a dar ao deporte provincial desde todos os ámbitos. Nestes tres anos de mandato, o goberno provincial ten repartido máis de 5.000 axudas a deportistas e clubs, ten posto en marcha iniciativas que fomentan o deporte como O Noso Club, +Talento Motor ou DepoVAN; consolidou as Rías Baixas como un recinto polideportivo ao aire libre capaz de acoller eventos tanto de ámbito internacional como rexional e está revolucionar as infraestruturas deportivas. “Esta mesma semana anunciabamos o primeiro programa Prodeporte con 1,8M€ en axudas específicas para que os clubs deportivas melloren os seus locais, terreos ou equipamentos; e cos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas levamos mobilizados 30M€ en tres anos nas instalacións municipais dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”, salientou o dirixente.

Neste sentido, matizou tamén Luis López que o apoio da Deputación ao Concello de Ponteareas non se limita unicamente ás infraestruturas deportivas ao lembrar a recente inauguración dunha ludoteca e dunha escola infantil nas que o organismo provincial achegou case 600.000€ e que forman parte dunha pegada da Deputación en Ponteareas de máis de 7,5M€, dos que máis de medio millón de euros destináronse ás instalacións deportivas municipais. “Recoñecemos e destacamos o traballo da alcaldesa Nava Castro e todo o seu equipo de goberno e reafirmamos o compromiso da Deputación para seguir colaborando co Concello de Ponteareas”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imaxes