Luis López salienta outra obra impulsada pola Deputación “que fai máis cidade” de Pontevedra: 2,3 M€ de fondos provinciais para renovar o alumeado do centro urbano
O presidente provincial, acompañado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, comproba o inicio dunha obra financiada ao 100 % polo organismo provincial e que suporá a substitución de 2.300 luminarias e un aforro do 67 % na factura da luz
27/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de supervisar o inicio dos traballos de mellora do alumeado público e eficiencia enerxética na zona norte do centro urbano da cidade que supón o investimento de 2,3 millóns de euros financiados ao 100 % polo goberno provincial no marco dun convenio de colaboración asinado no pasado mes de marzo entre os dirixentes municipal e provincial.
“Hai pouco máis de tres meses estabamos en Lérez comprobando o resultado dos traballos de mellora da iluminación que executamos alí e hoxe trocamos a maxestuosidade do Mosteiro de Lérez, polo esta céntrica praza dos Nenos. Dous lugares moi distintos, pero que comparten unha causa común: a prestación de servizos, o compromiso polo aforro enerxético e a sustentabilidade e a alianza de dúas administracións que saben aparcar as discrepancias lóxicas de dous gobernos de distinta cor capaz de chegar a acordos”, declarou o presidente Luis López nun encontro no que tamén estivo presente o vicepresidente Rafa Domínguez.
O comezo destes traballos de renovación do alumeado na zona norte do centro urbano de Pontevedra suporá unha mellora da imaxe das rúas, un aforro enerxético e a reducir a contaminación en zonas de alta densidade de poboación como son os barrios da Parda ou Valdecorvos. Segundo explicou o rexedor pontevedrés, a actuación supón a instalación de 2.300 luminarias de tecnoloxía LED e un aforro enerxético do 67 %. Un proxecto estratéxico que é financiado na súa totalidade pola Deputación ao ampliar, en base á petición do Concello, a achega de fondos provinciais para este proxecto desde os 1,6M€ consignados inicialmente ata os 2,3M€ do custo total da obra.
A colaboración da Deputación co Concello de Pontevedra non se limita unicamente a este proxecto de eficiencia enerxética. “A pegada da Deputación na cidade é moito máis profunda e acada os 30M€”, subliñou López facendo referencia a proxectos impulsados pola institución provincial como a recuperación da Bienal ou a mellora da estrada de Tomeza, así como outras iniciativas levadas a cabo en colaboración co goberno local ao longo do presente mandato.
“Esa comunicación fluída é o camiño que seguimos tanto o Concello como a Deputación para chegar a acordos para afrontar as necesidades dos veciños e das veciñas”, concluíu o presidente da Deputación, quen reafirmou o compromiso do goberno provincial co Concello de Pontevedra co vicepresidente Rafa Domínguez á fronte.
