Luis López remarca o liderado do destino turístico Rías Baixas, que encabeza os índices de ocupación e visitantes en Galicia, nun encontro con profesionais dos cámpings

O mandatario provincial vén de participar nos actos do Congreso de Cámpings de España que acolle Baiona no que tamén participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o alcalde e deputado provincial de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña

14/10/2026

Luis López remarca o liderado do destino turístico Rías Baixas, que encabeza os índices de ocupación e visitantes en Galicia, nun encontro con profesionais dos cámpings

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca o liderado do destino turístico Rías Baixas, que encabeza índices como os de ocupación e número de visitantes no conxunto de Galicia, nun encontro con profesionais do sector do cámping de toda España con motivo do Congreso de Cámpings de España que se está a celebrar estes días en Baiona promovido pola Federación Española de Cámpings e a Asociación Galega de Cámpings. Na cea de gala celebrada este mércores no Parador de Baiona e na que tamén participou o alcalde e deputado, Xesús Vázquez Almuíña, o dirixente provincial tamén puxo o foco na oferta de calidade e profesionalidade do sector turístico da provincia como un dos factores que están a impulsar o turismo nas Rías Baixas.

“O noso carácter hospitalario e aberto fai que vexamos no visitante un amigo ao que atender e acoller como un membro máis da familia. Pode que ese sexa o segredo polo que as Rías Baixas son o lugar ao que todo o mundo quere vir. Un segredo que soubemos coidar e potenciar co compromiso polo medio ambiente, coa profesionalidade na atención e cunha oferta de calidade e incomparable”, afirmou López, que recoñeceu que se trata dun compromiso compartido co sector hostaleiro da provincia, incluído tamén os profesionais dos cámpings. “Esta receita, unida á vosa profesionalidade y magnífica atención, está permitindo un notable aumento da demanda”, subliñou o dirixente.

Diante de profesionais dun sector que nos últimos anos está a experimentar un destacado crecemento en todo o país, López puxo en valor os datos da recentemente rematada temporada estival na que o destino Rías Baixas volveu certificar o seu liderado. A provincia volveu ser, entre xuño e agosto, o destino con máis visitantes de Galicia, máis de 700.000 persoas que supoñen o 35 % do total que chegou a Galicia; e cun maior índice de ocupación, unha media do 60 %. Ademais, un de cada tres visitantes procedían doutros países, o que confirma a tendencia de aumento do turismo internacional. Así mesmo, o Camiño de Santiago, en todas as variantes que atravesan a provincia, rexistraron un total de 93.000 peregrinos e un crecemento do 20 % con respecto ao mesmo período do ano 2025. “Uns datos extraordinarios, que nos indican que seguimos polo bo camiño e que xa non supoñen ningunha sorpresa”, valorou López, quen recoñeceu a achega de motores de atracción de visitantes e que aglutinan unha ofertas a atractiva e de calidade como Baiona para consolidar o liderado turístico da provincia.

Congreso Nacional de Cámpings

O programa deste Congreso Nacional de Cámpings, que reuniu a preto de 300 profesionais deste sector chegados de toda España, contou tamén coa participación da directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, na inauguración do evento, na que tamén participaron o presidente Alfonso Rueda e o alcalde Vázquez Almuíña, na que remarcou o compromiso da Deputación cun turismo sustentable, descentralizado, de calidade e que se corresponde coa filosofía dos cámpings.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.