Luis López salienta a pegada do +Escénicas, con 136 funcións en 50 concellos da provincia, na xornada sobre o acceso universal á cultura impulsada por Escena Galega

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, reafirma a condición da provincia como “un auditorio formado por 61 concellos” na apertura da xornada sobre inclusión e accesibilidade nas artes escénicas celebrada no Pazo provincial

17/06/2025

Luis López salienta a pegada do +Escénicas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, define á provincia como "a casa da cultura" e  un "auditorio composto por 61 concellos" nun novo encontro con profesionais do sector. A celebración no Salón de plenos do pazo provincial por parte do colectivo Escena Galega dunha xornada sobre accesibilidade e inclusión nas artes escénicas é un paso máis que reforza a alianza estratéxica entre a Deputación e á cultura. "Hai dous meses, presentabamos a segunda edición do +Escénicas e logo concatenamos outras presentacións como a Bienal, os Rías Baixas Film Fest, os Rías Baixas Fest, os Rías Baixas Acción e hoxe estamos aquí nesta xornada profesional de Escena Galega. As palabras quedan a un lado porque os feitos falan", afirmou o mandatario provincial para abrir un acto no que tamén estivo presente o deputado de Cultura Jorge Cubela.

As xornadas sobre accesibilidade e inclusión nas artes escénicas é un evento anual impulsado polo colectivo Escena Galega para profesionais do sector que este ano se celebra por primeira vez no Pazo provincial. Trátase do único foro estable de reflexión e de debate do sector das artes escénicas de Galicia e vai dirixido a profesionais das distintas disciplinas de teatro ou danza. As actividades teñen como obxectivo expoñer experiencias en materia de inclusión e accesibilidade que se levaron a cabo nos últimos anos, así como afianzar os alicerces sobre o deseño da comunicación para persoas con discapacidade visual. Con esta meta, o programa incluíu unha primeira parte de análise, en horario de mañá, cunha conferencia sobre visibilizar, sensibilizar, formar e compartir a cargo do Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión de Escena Galega; seguida dunha mesa de experiencias con compañías de artes escénicas que traballan en accesibilidade e inclusión; e, finalmente, unha presentación sobre comunicación accesible por un profesional da ONCE. Na quenda da tarde planificáronse dous obradoiros: o deseño dun paseo táctil para persoas con discapacidade visual polo teatro e o deseño e implementación de audiodescrición co programa QLAB.

O acceso universal á cultura é un dos obxectivos que persegue a Deputación, segundo explicou o presidente Luis López. "Non queremos que a actividade cultural se limite só aos ámbitos máis urbanos, queremos chegar a todas as partes porque é unha maneira de afondar no reto demográfico. Traballamos para que chegue a todas as persoas e nese camiño temos un programa, que é tan noso como voso, o +Escénicas", sinalou o dirixente, quen lembrou tamén a aposta por levar actos culturais de gran relevancia ao ámbito rural, como ocorreu este ano coa celebración da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín impulsada pola Deputación.

O programa +Escénicas, que "puxemos en marcha o ano pasado a primeira edición despois de que o sector pasara 15 anos chamando á porta", é a principal mostra do compromiso do goberno provincial co acceso universal e descentralizado á cultura. Trátase do primeiro circuíto provincial de danza e teatro que se organiza na provincia, unha iniciativa que leva a 50 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes unha programación cultural de calidade en galego integrada por 136 funcións e que supón unha inxección de 244.000 euros no sector cultural.

Unha iniciativa exitosa que, na súa segunda edición, quere chegar máis lonxe. "O que funciona non se toca, podiamos pensar; pero o que fixemos foi coller ao sector e ver en que podiamos mellorar", formulou o mandatario antes de enumerar as novidades deste ano, que pasan por aumentar o orzamento ata os 3.800e por Concello, aumentar o número de funcións ata as cinco por concellos e incentivar a organización de espectáculos de danza.

"Agradecemos ao sector a man que nos bota nesta alianza estratéxica entre a Deputación e a Cultura e convidamos a todos os profesionais para que sigan dando ese empuxe e que o motor da cultura siga tirando con toda a forza", concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imaxes

audios