Luis López salienta o impulso á economía, á descentralización da cultura e á sustentabilidade que festivais como o Sinsal achegan ás Rías Baixas

O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, participa na presentación dun evento que se celebra do 24 ao 26 de xullo na Illa de San Simón e que suma este ano o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, como un dos seus escenarios

13/07/2026

Luis López salienta o impulso á economía, á descentralización da cultura e á sustentabilidade que festivais como o Sinsal achegan ás Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta o festival Sinsal como unha fonte de riqueza, un recurso para avanzar na descentralización dos grandes eventos culturais e reflexo da beleza natural das Rías Baixas. Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, o mandatario provincial vén de participar na presentación dunha nova edición deste festival, que conta co apoio da Deputación a través da marca Rías Baixas Fest, no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, un espazo que se suma este ano á Illa de San Simón como escenarios principais da programación do festival.

O festival Sinsal celébrase este ano entre entre os días 24 e 26 de xullo. Un evento que ofrece ao longo de tres días unha oferta cultural variada e de calidade nunha contorna natural de alto valor como é a Illa de San Simón. Fiel á tradición de manter en segredo a composición do cartel, o Sinsal promete unha programación musical diversa e equilibrada, compromiso coa igualdade, solidariedade internacional e un compromiso firme coa sustentabilidade do turismo. A incorporación do Museo do Mar de Galicia como sede do festival servirá tamén para apontoar ese compromiso coa sustentabilidade dun espazo natural como é a Illa de San Simón e tamén a chegar a máis público.

“O verán nos Rías Baixas xa non se entende sen o Sinsal nin os demais festivais do Rías Baixas Fest”, sostén o presidente, quen afirma que a pegada deste festival que conta co patrocinio da Deputación supón un impulso á creación de emprego e ao desenvolvemento económico da provincia, contribúe a descentralizar das grandes cidades os principais eventos culturais e supón unha mostra da riqueza ambiental e patrimonial das Rías Baixas e, concretamente, da Illa de San Simón, un espazo que sobresae polo seu patrimonio natural, histórico e artístico.

Neste sentido, lembrou o dirixente provincial, o apoio da Deputación a este e outros festivais que se celebran neste territorio a través da marca Rías Baixas Fest e que contan cun maior apoio por parte da Deputación co obxectivo de seguir consolidándoos como referencia da oferta cultural e musical da provincia. “Convidamos a todo o mundo a que se achegue a este extraordinario Museo e á fermosa Illa de San Simón para desfrutar dun festival de primeira. Quen proba, repite”, concluíu o presidente Luis López, quen valorou tamén o labor de todas as entidades que fan realidade a organización dun festival destas características cada ano.

Galerias de imaxes