Luis López destaca a proxección que festivais como o SonRías Baixas de Bueu lle outorgan á cultura, ao turismo e á economía da provincia
O presidente da Deputación participa en Bueu na presentación dun evento que terá lugar esta fin de semana no recinto das Lagoas coa asistencia dunhas 30.000 persoas
29/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participa en Bueu na presentación dunha nova edición do festival SonRías Baixas, que congregará esta fin de semana no municipio morracense a milleiros de persoas chegados de distintos puntos de Galicia, de España e do estranxeiro “para gozar da boa música, da boa gastronomía, da boa contorna e, sobre todo, da boa xente que ten este concello”. O mandatario provincial puxo en valor o impacto e a traxectoria deste festival, que conta co patrocinio da Deputación a través da marca Rías Baixas Fest, tanto para dinamizar a actividade económica na comarca e na provincia como para descentralizar os grandes eventos culturais.
O festival SonRías Baixas celebra este ano, desde o 30 de xullo ao 1 de agosto, a súa vixésimo terceira edición. Un evento que ofrece ao longo de tres días unha oferta cultural variada nunha contorna que combina servizos urbanos de calidade cun patrimonio natural único como é Bueu e o recinto das Lagoas, cun cartel que mestura artistas de prestixio nacional con músicos locais e que atrae cada ano a preto de 30.000 asistentes.
“Falar das Rías Baixas e deste destino extraordinario é falar do SonRías. Na provincia non se pode entender o verán sen este festival tan consolidado e de tanta calidade”, afirma o presidente Luis López, quen salienta a pegada deste festival que conta co patrocinio da Deputación na economía e na proxección turística da provincia. “O SonRías Baixas son algo máis que tres días de concertos. É fonte de riqueza, emprego e crecemento económico importante para Bueu e a provincia, os estudos indican que a pegada do SonRías supera os 7M€; descentraliza os eventos culturais, que non están reservados só para as grandes cidades senón que chegan a todos os recunchos da provincia; e serve para proxectar as Rías Baixas por todo o mundo, cun patrimonio cultural, natural e turístico que sexamos un destino líder”, declara o mandatario provincial.
Así mesmo, recorda López o apoio da Deputación a este e outros festivais que se celebran na provincia baixo o paraugas da marca Rías Baixas Fest e que están a recibir este ano un maior apoio por parte da Deputación co obxectivo de seguir consolidándoos como referencia da oferta cultural e musical da provincia. Despois de recoñecer e agradecer o labor dos organizadores do SonRías Baixas, o presidente quixo convidar a todo o mundo a achegarse esta fin de semana a Bueu para desfrutar da provincia de Pontevedra e do seu patrimonio cultural e natural.
Galerias de imaxes
audios
Noticia - LUIS LOPEZ PRESENTACION SONRIAS 2026 29-07-2026
