Luis López informa que 1,6M€ dos fondos do +Provincia de Cangas sirvan para a transformación dun antigo colexio nun centro sociocultural para veciñanza de Coiro
O presidente da Deputación, acompañado pola alcaldesa Araceli Gestido, visita o antigo colexio de A Retirosa, cuxo proxecto de rehabilitación integral e ampliación será financiado ao 98 % polo organismo provincial, que aprobará este venres a achega
19/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o inmoble do antigo colexio de preescolar A Retirosa, no Concello de Cangas de Morrazo, onde a Deputación vai investir preto de 1,6M€ ao abeiro do Plan +Provincia para a transformación deste inmoble en desuso nun novo centro sociocultural para a veciñanza da parroquia de Coiro. “Presentamos un novo proxecto estratéxico que marcará un antes e un despois nunha instalación que vai ter unha nova vida para os colectivos sociais e culturais. Unha nova maneira de facer vida nesta parroquia”, declarou o mandatario provincial, acompañado pola alcaldesa Araceli Gestido, nunha visita na que manifestou o compromiso da administración provincial cos concellos e na que adiantou a aprobación desta achega na Xunta de Goberno que se celebrará este venres.
A obra financiada case na súa totalidade polo organismo provincial con recursos do Plan +Provincia servirá para recuperar un inmoble deteriorado e adaptalo para o seu novo uso como centro cultural e social ao servizo da veciñanza. Para logralo, a actuación inclúe a demolición das cubertas e das distribucións interiores, a mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, a renovación das carpintarías, a reformulación da distribución interior e a urbanización do exterior. Ademais da rehabilitación integral dos dous edificios existentes, levarase a cabo a ampliación cunha nova planta alta en ambos os volumes para ofrecer maior superficie útil para actividades comunitarias.
O anuncio da reforma deste antigo colexio infantil chega unha semana despois da sinatura do convenio entre o presidente e a alcaldesa da segunda convocatoria do Plan Extra, cuxos recursos servirán para humanizar a contorna do centro de saúde; e logo de vinte días despois de comprobar sobre o terreo os avances das obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-1002 entre A Magdalena e Aldán. “Estamos executando actuacións en todos os ámbitos e este é o camiño que queremos seguir, o do apoio aos concellos da provincia como o de Cangas”, concluíu o dirixente.
