Luis López anuncia o aumento de preto de 500 prazas do programa Lecer en familia tras recibir 10.000 solicitantes para optar ás preto de 3.000 ofertadas nas bases
A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao aumento, que irá acompañado dun incremento de 36.000 euros no crédito dispoñible para a actual edición do programa
26/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que, “despois da avalancha de solicitudes que recibimos para participar na nova edición de Lecer en familia, acabamos de aprobar que poidan participar preto de 500 persoas máis das que tiñamos previstas nas bases”. A institución provincial ofertaba nas bases de Lecer en familia preto de 3.000 prazas en establecementos hoteleiros con actividades socioculturais, pero tras multiplicar por tres a demanda respecto á oferta, ofrecerá 255 prazas máis no réxime xeral e outras 200 máis no réxime especial do programa.
O aumento das prazas, ademais, “suporá que aumentaremos o seu crédito en preto de 36.000 euros tras chegar a un acordo coa empresa adxudicataria”. Con esta ampliación, asegurou, “queremos agradecer as familias pola enorme acollida que lle deron a este programa un ano máis”.
Lecer en familia celebrarase entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2027, nunha noite de fin de semana (venres ou sábado), períodos non lectivos ou vésperas de festivos en establecementos hoteleiros de tipo balneario, talaso ou spa, ou hoteis de zonas urbanas ou rurais, con réxime de media pensión. O réxime especial está subvencionado ao 100%, mentres que o xeral é de balde para menores de 3 anos, con descontos de 30 euros para rapazada entre 3 e 12 anos, e descontos de 60 euros para as maiores desa idade.
Os establecementos que participan nesta edición de Lecer en Familia son Hotel Nuevo Astur & Spa 3* (Sanxenxo), Hotel Carlos I Silgar 4* (Sanxenxo), Gran Talaso Hotel Sanxenxo 4* (Sanxenxo), Hotel Spa Nanin Playa 3* (Sanxenxo), Hotel Spa Bosquemar 3* (O Grove), Hotel Castro do Balneario 4* (Cuntis), Hotel Bienestar Moaña 4* (Moaña), Hotel Coia 4* (Vigo), Hotel Sercotel Tres Luces 3* (Vigo), Hotel Pazo O Rial 4* (Vilagarcía de Arousa), Hotel Val Convention 3* (Nigrán) e Hotel Restaurante Pontiñas 3* (Lalín).
