Luis López anuncia a aprobación do convenio que mobilizará 2,4 millóns para mellorar o treito entre Manuel del Palacio e a ponte ao Porto de Marín en Pontevedra
A Deputación achega preto de 600.000 € da actuación, complementaria á reforma integral da rúa Rosalía de Castro que financia integramente a institución provincial
29/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar o convenio co Concello de Pontevedra para executar as obras da vía de conexión entre a Avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro no treito comprendido entre a rúa Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril ao porto de Marín. Trátase dun proxecto dotado de máis de 2,4 millóns de euros que permitirá a mellora da accesibilidade nesta zona.
Luis López sinalou que “o proxecto está financiado no marco do convenio que temos coa cidade, e a Deputación achega preto de 600.000 euros mentres que o Concello asume os 1,8 millóns restantes”. Ademais, o presidente da Deputación lembrou que se trata “dunha obra complementaria á reforma integral da rúa Rosalía de Castro, que como saben financiamos integramente achegando preto de 1,3 millóns de euros”.
En concreto, a vía de conexión terá dous carrís con dobre sentido de circulación, beirarrúas de 3 metros de ancho, glorietas nas interseccións con Rosalía de Castro e a Avenida de Marín e unha zona de aparcamento na marxe dereita. Ademais, tal como sinalou o presidente, a actuación completarase coa humanización da rúa Simón Bolívar, ademais da creación de dúas zonas de coexistencia na contorna do colexio Juan Sebastián Elcano e na praza de Mollavao.
Luis López indicou que esta actuación “súmase aos máis de 30 millóns que leva investido a Deputación nesta cidade”. “Poderíamos falar moito, pero aquí falan os números e os feitos: nunha semana abordamos dúas actuacións que mobilizan para os pontevedreses catro millóns de euros”, en referencia á actuación de mellora da iluminación do centro urbano da cidade, que financia integramente a Deputación cunha inxección de 2,3 millóns de euros.
