Luisa Sánchez recibe ao Celta Integra tras proclamarse campión da Liga Genuine
22/06/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, recibiu este luns na sede de Vigo ao Celta Integra para felicitar ao equipo polo seu recente título de campión da Liga Genuine. Nun acto no que tamén participaron a directora de Deportes, Xisela Aranda; a presidenta do club, Marián Mouriño; representantes da directiva, corpo técnico e familias, Luisa Sánchez destacou que se trata dun éxito “do que todo o mundo se alegra” e puxo en valor que o conxunto celeste se ten convertido nun equipo admirado. “Nunha época na que todo se mide en estatísticas, hai cousas que son importantes aínda que no aparezan en ningunha clasificación: a ledicia de xogar”, indicou.
A vicepresidenta agradeceu tamén o traballo de club, corpo técnico e familias, e reivindicou o compromiso da Deputación co deporte inclusivo a través do apoio ao Celta Integra para facer posible a súa participación na Liga Genuine. “O apoio axuda a chegar ata o campo, pero os campionatos gáñanos quen sae a xogar”, remachou Luisa Sánchez, quen recibiu como agasallo unha camiseta do equipo co dorsal “Campións 2026”.
