A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Valga cun espectáculo roqueiro sobre a importancia de consumir alimentos ecolóxicos para coidar o medio ambiente
O espectáculo “Ecoralia canta, conta e debuxa” de Pakolas e Laura Romero terá lugar no Auditorio de Cordelio a partir das 19:00 horas
19/02/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 22 de febreiro o circuíto +Escénicas ao concello de Valga da man do espectáculo “Ecoralia canta, conta e debuxa”, a cargo do dúo formado por Pakolas e Laura Romero. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Ecoralia canta, conta e debuxa” está baseado no libro “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, no que a personaxe de Coralia ensina á rapazada a importancia de consumir alimentos ecolóxicos para coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal. Ecoralia, unha meiga moi nova que vive nunha extensa carballeira, protagoniza un espectáculo roqueiro no que se desvelan misterios mentres a música e os debuxos en directo acompañan contos e historias. A rapazada de Valga poderá desfrutar deste espectáculo do produtor e músico Pakolas (Paco Cedeira) e a ilustradora Laura Romero este 22 de febreiro a partir das 19:00 horas no Auditorio de Cordeiro.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 estanse a representar un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra. A institución provincial ten nestes momentos aberto o prazo, ata o próximo 28 de febreiro, para que as compañías se inscriban, dean de baixa ou modifiquen os seus espectáculos.
