A Deputación estrea esta fin de semana en Vilaboa as actuacións do +Música deste ano, con tres concertos enmarcados na Festa do Viño

O sábado 9 actuarán Mekanika Rolling Band, ás 13:30 horas, e A Roda, ás 22:30 horas, mentres que o domingo 10 ás 22:30 horas, será a quenda de Mallou. Todos os concertos serán na explanada da Casa da Cultura de Riomaior

07/05/2026

A Deputación de Pontevedra estrea este sábado 9 de maio en Vilaboa con tres concertos dentro da programación da Festa do Viño o calendario de actuacións da terceira edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. En concreto, o sábado 9 actuarán Mekanika Rolling Band, ás 13:30 horas, e A Roda, ás 22:30 horas, mentres que o domingo 10 ás 22:30 horas, será a quenda de Mallou. Todos os concertos serán na explanada da Casa da Cultura de Riomaior.

A Mekanika Rolling Band é un grupo de animación de rúa e charanga coñecido polos seus espectáculos enerxéticos que combinan música en vivo con efectos visuais chocantes. Sobre o escenario conta cunha proposta chea de enerxía plasmada en músicas tradicionais e balcánicas. Pola súa banda, A Roda é un dos grupos máis coñecidos no panorama da música galega e celebra neste 2026 os seus 50 anos de historia promovendo e difundindo a cultura galega a través da música de raíz. No caso de Mallou, trátase dun dúo formado por Sabela Bello e Benjamín Vázquez que conxuga temas propios con clásicos da música popular galega: Amancio Prada, Xoán Montes Capón, Suso Vaamonde ou Fran Perez “Narf”, entre outros.

Estres tres concertos son os primeiros das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.