A Deputación renova o seu compromiso co fomento do emprendemento entre o alumnado da provincia coa posta en marcha dunha nova edición de DepoEmprende

Os centros educativos da provincia sostidos con fondos públicos interesados en participar en DepoEmprende na Escola, DepoEmprende na ESO e DepoeEmprende na FP teñen de prazo ata o 22 de setembro para formalizar a súa solicitude

27/07/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar unha nova edición do programa DepoEmprende, que se desenvolverá ao longo do vindeiro curso escolar 2026-2027 nos centros educativos da provincia sostidos con fondos públicos. A iniciativa ten como obxectivo fomentar o emprendemento e a cultura emprendedora nas aulas como motor de innovación da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. O programa está dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional, e os centros educativos da provincia poden xa solicitar a súa adhesión ata o próximo 22 de setembro.

En total, poderán participar un máximo de 38 centros escolares da provincia nos diferentes proxectos. Deste xeito, no caso de DepoEmprende na escola, dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial, poderán participar un máximo de 16 centros que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda.

Por outra banda, ata 12 centros poderán participar en DepoEmprende na ESO, que está enfocado ao alumnado de 4º da ESO, que creará tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras segundo criterios de sostibilidade e responsabilidade social corporativa. Nesta modalidade o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe, poñendo en práctica capacidades de negociación, de toma de decisións, de comunicación e resolución de conflitos.

Finalmente serán 10 os centros educativos de DepoEmprende na FP, que está enfocado a centros educativos que impartan formación profesional de grao medio ou superior e dirixido preferentemente a alumnado de segundo curso que estea cursando os módulos profesionais de proxecto, de proxecto intermodular ou, de ser o caso, do módulo profesional de proxecto integrado. Nesta modalidade, a Deputación prestará un servizo de asesoramento para que o alumnado leve a cabo proxectos que integren a dixitalización e criterios ambientais, sociais e económicos.

Ao longo do programa a Deputación dotará os centros participantes de recursos e ferramentas para posibilitar o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación. A ferramenta principal é o Portal Educativo de DepoEmprende, unha plataforma baseada en Moodle para potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.